Século XIV, as orixes da Festa do Boi

Mozos alaricanos levan ao boi collido polo sedeño.
photo_camera Mozos alaricanos dirixen ao boi tirando polo sedeño.
As orixes da Festa do Boi de Allariz teñen a súa orixe nunha ocorrencia de Xan de Arzúa, un fidalgo medieval alaricano de profundas conviccións relixiosas, que se acabou por converter unha figura clave na celebración

No século XIV habitaba en Allariz unha poboación xudía respectable, confinada no barrio de Santo Estevo, extramuros, que vivía conxugando un innegable dinamismo económico co acoso provocado pola “oficialidade” cristiá, moradora da cidade amurallada.

Chegada a festividade do Corpus, e aproveitando que a procesión do Santísimo necesitaba saír extramuros para achegarse ao convento, era cando aproveitaban os xudeus para desafogaren as súas iras e frustracións, berrando e insultando ao paso da procesión. 

Contan os cronistas que Xan de Arzúa, un fidalgo alaricano de profundas conviccións relixiosas, decidiu dar fin a esta situación. Chegada a procesión do 1317 montou a lombos dun boi e acompañado por varios criados e cargado de sacos con formigas encabezou a procesión do Corpus. Cando os xudeus apareceron para boicotear o acto, a base de cornadas e chuvia de formigas axotou para sempre os xudeus.

Dende entón e ata 1936, todos os anos polo Corpus saía o Boi en Allariz. Durante a guerra suspendeuse, para despois dela espertar lentamente, apagándose de forma definitiva a finais dos 50, principios dos 60. Dende entón, e segundo palabras de Antonio Blanco, “o Boi vive agochado no corazón dos alaricanos”, ata que en 1983, un grupo de mozos decide recuperar a festa, e o boi volve correr por Allariz, e con el un municipio con orgullo da súa historia e das súas tradicións.

Participación, popularidade

O ascenso en participación, popularidade e proxección pública da festa dende a súa recuperación é espectacular. Boa proba disto son os dez días de duración actual da festividade e do número de visitantes que se achegan todos os anos polo Corpus Christi a Allariz.

Cada ano, o sábado de maio anterior a Corpus, a iso das once da mañá, iníciase a festa coa chegada dos catro bois que son criados nos montes de Penamá. Xa pola tarde, ás oito, dá comezo A Proba dous Bois, para ver que están en perfectas condicións ou que non son excesivamente bravos. Desde o domingo ata finalizar as festas, pola mañá e pola tarde, celébrase a famosa Carreira do boi, que consiste en percorrer as rúas de Allariz cun dos bois ensogado. 

O domingo é outro dos días grandes, coa celebración da Procesión Medieval de Xan de Arzúa, que culmina cun xantar onde participan todos os gremios medievais ou cuadrillas. O resto de días celébranse carreiras e diferentes actos para pequenos e tamén maiores.

Seguridade

Como dato curioso da celebración, os bois van atados por unha soga aos cornos; dúas ou tres persoas levan a corda e outras catro ou cinco custodian ao animal por detrás velando pola seguridade dos corredores, coidando de que ninguén toque ou menosprece ao animal.

Este grupo de xente é un gremio en si dentro da festa: son os “homes do sedeño”, homes da corda. As carreiras son de trinta minutos de duración con varias paradas no percorrido, para o descanso de corredores e animal. En cada carreira sae un boi diferente.

Te puede interesar