ENTREVISTA

Cristina Cid: "Seguirei loitando contra a cultura e as políticas que afogan ó rural"

img_3965s
photo_camera Cristina Cid no seu novo despacho no concello.

O pleno da Corporación reunirase este xoves ás 20,30 horas para corroborar, cos seus votos, o nomeamento de Cristina Cid como a primeira muller que presidirá a alcaldía de Allariz

Cristina Cid gana nas distancias curtas. Detrás desa aparente frialdade, unha capa que lle serve para esconder a súa timidez, hai unha persoa capaz de capitanear a dinamización económica municipal e, ao mesmo tempo, idear un poboado de conto no que todo o mundo quíxose fotografar o pasado Nadal. Da súa valía e capacidade sábeno ben no grupo de goberno que, tras o anuncio de Francisco García, tivo claro que ela debía ser a muller que tomase o bastión de mando. O pleno da Corporación reunirase hoxe ás 20,30 horas para corroborar, cos seus votos, o nomeamento de Cristina Cid como a primeira muller que presidirá a alcaldía de Allariz.

Como se sinte?

Por un lado ilusionada, aínda que son moi poucos días, si que vas vendo as posibilidades que se abren sobre cuestións que podías ter en mente. No meu caso cunha sensibilidade especial para o tema dos nenos, supoño que o feito de ser nai inflúe niso, con servizos e actuacións pensados neles, como poden ser parques infantís. Por outro lado, se son sincera, tamén con certa vertixe. O feito de seguir asumindo o que xa estaba levando e engadir todo o tema de alcaldía, nunha época coma esta que empeza a haber múltiples eventos e actos por asistir, asusta. Salvo iso, polo o reto, ben. Aterrando, poñéndome ao día en cuestións que non levaba directamente e con ilusión.

O seu nome soou, xunto co de  Bernardo Varela, desde o principio para substituír a Francisco García. Como foi o proceso?

Tivemos varias reunións do grupo de goberno, á vista da decisión de Paco, e empezamos a darlle voltas sobre con que criterio facelo e tamén os perfís que necesitabamos. Aínda que todo o mundo tiña na cabeza as dúas posibles persoas, non foi ata a derradeira reunión cando puxemos os nomes enriba da mesa. A verdade é que non foi un caderno azul de Paco como o que fixo Aznar, senón que foi unha proposta unánime e unha aposta pola miña persoa, tamén polo BNG que me designou candidata para as eleccións do 2019. Que haxa unha unanimidade así supón unha responsabilidade enorme, pero agradezo a confianza.

E na rúa? Como foron estas semanas?

Ben. Para unha personalidade como a miña, que son introvertida e con certa timidez, abrumada polas mostras de agarimo que recibín. Ánimos, parabéns e, tamén hai que dicilo, lembranzas de Paco que son entendibles. É lóxico que os veciños estrañen ao alcalde porque nós tamén o facemos. Eu só aspiro a que algún día os veciños me despidan con ese nivel de emoción que o fixeron no caso de Anxo Quintana e de Paco García.

Coido que a sombra de Francisco García vai ser longa...

O reto despois de Anxo Quintana e Paco García, persoas con esa proxección pública máis alá da capacidade de xestión, é complexo e complicado. Pero, sendo honestos, eu vou contar con eles dous para esta traxectoria. Amablemente se ofreceron e farei uso deles, porque é intelixente non desperdiciar a experiencia acumulada doutras persoas que teñen estado no mesmo posto antes. Neste punto, é de xustiza agradecer a Paco todos estes anos ao fronte do Concello, a súa sinxeleza e humildade e esa ilusión que durou ata o último día. Exemplos como o seu son de agradecer e destacar nun momento de descrédito da política. Ademais dos logros que ten conseguido para Allariz, a traxectoria de Paco García axuda a dignificar a política. Tamén teño que dicir que recibín o ofrecemento de concelleiros que xa non están na Corporación, e mesmo de representantes das asociacións de veciños. Eu, que empecei na área de Participación Cidadá, espero ter unha relación importante con todos eles.

Como muller, a súa designación será un paso máis na loita pola igualdade real.

É un paso importante non só porque sexa cara máis visible, senón porque o Concello de Allariz ten feito nestes anos unha discriminación positiva moi importante. Un esforzo por parte de todos os grupos políticos e no organigrama municipal, onde moita da xestión municipal carga sobre os ombreiros das mulleres.

Volvendo aos proxectos para o pobo, que plans ten para Allariz?

As nosas aspiracións están en pechar os proxectos pendentes e ir proxectando os futuros. Estamos nun mandato iniciado e queremos executar todos os compromisos adquiridos no orzamento. Por iso, non se nos poden pedir grandes accións, o que non significa que non demos algunha sorpresa cara ao final do verán, ligado a participación veciñal dos nenos e nenas. Seguiremos tamén co proxecto do centro de convencións, que para nós e moi importante, co obxectivo de pechar a tramitación urbanística este ano e poder presentar o proxecto a outras administracións.

Cóntenos algunha novidade.

Poñerémonos a traballar no Allariz 2030, dando pasos co tecido asociativo no eido principalmente da dinamización económica e social. Pensamos que as grandes infraestruturas están feitas, así que temos que centrar os esforzos en traballar para seguir crecendo en poboación, en desenvolver o proxecto de posta en valor do sector primario,... Ese será o noso reto de aquí a dez anos e non é sinxelo. Temos que pelexar contra unha cultura e unha política que vai contra o rural. Porque do contrario deixaremos de existir. 

O comercio é outra das pezas do puzzle alaricano.

Si e o seguirá sendo. Dende o primeiro momento o proxecto municipal tivo moi claro que non ía ser unha administración que se dedicase unicamente a emitir certificados de empadroamento, senón que tiña que incidir na vida e na economía de Allariz. E ese segue sendo un dos nosos obxectivos irrenunciables. Ao principio o fixemos en solitario, porque non había masa crítica, pero hoxe o Concello ten que ir da man do tecido asociativo e con retos cada vez maiores, porque seguimos incrementando visitantes e tamén poboación, e iso permitiranos abarcar proxectos máis ambiciosos.

Haberá moitos cambios no organigrama municipal?

O pleno de organización será o 28 de xuño. Haberá algúns cambios, dos que primeiro quero dar contas a oposición. O de que Bernardo Varela vai ser tenente de alcalde non sorprenderá a ninguén, pero si que haberá certas modificacións, aínda que eu seguirei levando o mesmo.

Te puede interesar