Uxía Oviedo, a proposta socialista para Maceda

Uxía Oviedo e o grupo socialista en Maceda (1)
photo_camera Uxía Oviedo e o grupo socialista en Maceda.
O PSOE vén de renovar o seu equipo de cara ás vindeiras eleccións

A carreira para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio xa comezou para o Partido Socialista de Maceda, que vén de renovar equipo e líder: Uxía Oviedo De Dios, unha moza que acaba de rematar os seus estudos universitarios e que retorna á súa vila natal “con inmensa ilusión, responsabilidade e compromiso, e coa idea firme de devolverlle ao meu pobo todo o que me brindou como macedá ata o día de hoxe”. Os socialistas aseguran que se presentarán aos comicios cun proxecto “serio e renovador que nos permita avanzar como municipio e volver a ser un punto de referencia da nosa contorna”. 

Por outro lado, dende o PSOE macedao remarcan que, para conseguir dito obxectivo, “só hai unha fórmula posible”, que, tal e como engaden, non é outra que “traballar a carón da veciñanza, estando presente en cada rúa da vila e en cada un dos 54 núcleos de poboación”. 

Por último, Uxía Oviedo apunta que, para comezar a traballar, “buscamos fomentar a colaboración entre as diversas asociacións. Recoñecemos a inmensa labor cultural que estas levan a cabo” e finaliza afirmando que “apostaremos pola nosa veciñanza e polos sectores que traen traballo e riqueza, fundamentais para asegurar o futuro do noso concello. O PSOE é a alternativa fiable, o proxecto que avanza, que pon en valor o noso”.

Te puede interesar