O xeodestino Allariz Maceda convoca un premio de foto e vídeo

Os premios serán unha noite no Hotel Portelo Rural de Allariz, no Castelo de Maceda e entradas a museos alaricanos

O Xeodestino Allariz, Maceda e Alto Arnoia vén de publicar, logo da campaña de Entroido, un novo concurso de fotografía e video. Nesta ocasión, os participantes deberán achegar as súas imaxes e pezas audiovisuais dos seus lugares favoritos dos municipios de Allariz, Vilar de Santos, Xunqueira de Ambía, Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Taboadela e Maceda. 

O obxectivo do Xeodestino é, unha vez máis, promocionar todos estes concellos e, para poder participar, será necesario visitar o enderezo web https://deallarizamaceda.gal/oteurecunchofavorito/. 

Dentro da categoría "Fotografía", a imaxe máis votada gañará unha noite de hotel para dúas persoas, con almorzo, no hotel Portelo Rural de Allariz, así como entradas gratis a museos da vila alaricana. 

Por outro lado, na categoría "Vídeo", a peza audiovisual máis votada obterá como recompensa unha noite no Castelo de Maceda, para dúas persoas, con cea incluída.

Dende o Xeodestino animan a participar nesta iniciativa "para dar a coñecer a beleza de Allariz, Vilar de Santos, Xunqueira de Ambía, Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Taboadela e Maceda".

Te puede interesar