Aldearmos ampliará ata o día 7 o Nadal no Xurés

O Nadal terá este ano un día máis no Xurés. O día 7 de xaneiro, tras a visita dos reis magos, Aldearmos  programou en Grou (Lobios) unha xornada adicada ás familias para que coñezan “máis e mellor o rural galego”, subliña o colectivo organizador. Trátase dunha proposta de Nadal ecoloxista en torno a tradición oral de Aldearmos, a iniciativa da Rede Aldear que conta co apoio económico e técnico do Campus de Ourense e co financiamento da AGADIC a través dos fondos Territorio Cultura que fan parte dos Fondos NextGeneration.

A programación deseñada para Lobios, na que a organización agradece a colaboración do Concello, contempla un festival de narradores coa participación, entroutros, de Anxo Moure, Uxía Mourán e a docente do campus de Ourense, Susa Herrera, co seu espectáculo “Cantos Animais”. Tamén haberá unha andaina pola Ruta das Capelas, na contorna do Parque Natural do Xurés, que require inscrición previa. Os actos comezarán pola mañá coa presentación da “Rede Aldear” ás 10,30 horas na Casa do Parque de Grou e, de seguido, “A Universidade das Árbores”, onde Anxo Moure falará como sementar milleiros de árbores. A tarde concentraranse as actividades infantís.

Te puede interesar