acordo

A área termal do río Caldo terá servizos propios dun balneario

Reunión entre os representantes da Fundación San Rosendo, Manuel Baltar e María del Carmen Yáñez.
photo_camera Reunión entre os representantes da Fundación San Rosendo, Manuel Baltar e María del Carmen Yáñez.

Concello de Lobios e Fundación San Rosendo perfilan, co apoio da Deputación, un plan de 1,2 millóns 

A área termal do río Caldo, en Lobios, terá un novo aspecto tras completarse o proxecto que perfila a Fundación San Rosendo –xestora do balneario da localidade a través de Caldaria– e o Concello, e que conta coa colaboración da Deputación. A alcaldesa, María del Carmen Yáñez e representantes da Fundación –presidente, José Luis Gavela; presidente de honra, Benigno Moure e director xerente de Caldaria– reuníronse co presidente provincial, Manuel Baltar, para avanzar no plan, que reformulará o espazo a través dunha inversión de 1,2 millóns de euros. Con esta intervención, a zona de baño da área termal experimentará unha notable transformación, grazas á que se porá en valor o amplo espazo que rodea o balneario.

O obxectivo deste proxecto non será outro que o de ofrecer aos usuarios do balneario –xestionado , así como aos veciños de Lobios, turistas, e visitantes dos concellos próximos "unha contorna perfectamente acondicionada, con servizos de calidade, e tratamentos propios dunha instalación balnearia, conxugando todo elo coa situación no parque natural do Xurés e reserva da Biosfera".

Un dos puntos fortes a destacar dentro desta iniciativa é que conta coa vantaxe de empregar as augas máis quentes de toda a Península Ibérica, que saen do manancial a unha temperatura de 77 graos.

Unha das últimas melloras que se levou a cabo neste entorno tivo lugar a finais do 2017, cando se acondicionaron todos os accesos cun investimento de 40.000 euros. Nesta liña, tamén se reorganizou o tráfico rodado e aplicouse unha capa de aglomerado na estrada, pintáronse as distintas prazas de aparcamento, así como o propio vial. Naquel momento comezaron a proxectarse as intervencións sobre a zona para mellorar a explotación.


Total apoio por parte da Deputación


O representante provincial, Manuel Baltar, comunicou o seu apoio á rexedora municipal, así como aos membros da Fundación San Rosendo. Dixo que este proxecto "representa fielmente a estratexia que vimos desenvolvendo para potenciar a marca Ourense provincia termal", ao tempo que ofrece servizos diferenciados, instalacións e actividades no eido do termalismo. Na mesma liña, a primeira edil de Lobios, Carmen Yáñez, defendeu o proxecto como "unha iniciativa termal punteira, polo enfoque e dimensión dos espazos nos que se actuará, o que permitirá situar a Lobios como un punto de referencia en Galicia, España, e mesmo Europa", subliñou a alcaldesa trala reunión mantida en Ourense.

Te puede interesar