BAIXA LIMIA

A Baixa Limia lembrará ás vítimas do franquismo

O comité de memoria histórica do Val do Limia quere render homenaxe ás 19 víctimas na curva de Fontaboa

O Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia traballa arreo na organización da homenaxe ás víctimas do franquismo que perderon a vida na zona da Baixa Limia. O evento, que se celebrará o 14 de setembro, consistirá na inauguración dun monumento que lembre o sufrimento padecido polos mártires da contorna. Baixo o lema "Val do Limia non esquece", os membros do colectivo emprazarán unha lembranza para as víctimas na curva da Fontaboa, situada na estrada OU-1202, que une os lugares de Nigueiroá e Xordos, en Bande. 

Aínda que o programa de completo de participantes, tanto artistas como poetas, que se acheguen a renderlle homenaxe ós veciños da Baixa Limia está por confirmar, o Comité pola Memoria Histórica conta xa co cartaz que ilustra este acto e que amosa o gravado "Os paseos: levalos ás claudias", pertencente ó álbum "Fardel da guerra", elaborado polo artista Xosé Conde Corbal no ano 1986. A entidade amosou o seu agradecemento á viúva do autor, Margarita Escudero, por facilitarlle o uso da imaxe para este evento.

O monumento consistirá nun monolito inspirado nun menhir castrexo co que o Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia quere lembrar ás 19 víctimas que ata o momento teñen contabilizadas como asasinadas polo réxime franquista. O lugar elixido para a súa instalación, a curva de Fontaboa, foi o punto no que o colectivo asegura que perderon a vida os dous primeiros veciños da comarca, Juan Manuel Álvarez Álvarez "Noches", de Nigueiroá, e Jenaro Alonso Santos, de Mexide os días 29 e 30 de xullo de 1936, respectivamente. 

A financiación do monumento promovida polo Comité de Memoria Histórica é posible gracias á colaboración veciñal e social mediante unha campaña de crowfunding.

Te puede interesar