baixa limia

Bande instalará un planetario para os máis pequenos

desenvolverase durante a próxima semana e será de participación gratuíta pero con aforo limitado

A Biblioteca Municipal de Bande converterase nun planetario para os máis pequenos durante a próxima semana. A partir do luns, día 8, e ata o venres, día 12, O Planetario Viaxeiro chegará á capital da Baixa Limia coa historia de "A nena que sabía camiñar ó revés". Trátase dunha actividade gratuíta coa que os nenos da localidade irán abrindo boca de cara ás vacacións de Semana Santa. 

O único requisito que poñen os organizadores para participar no evento é o de "deixarse levar". O Planetario Viaxeiro consiste nunha cúpula inchable dentro da que se proxectarán vídeos relativos ó espazo exterior e o conxunto do universo. Segundo a organización, os nenos que acodan a esta actividade terán a oportunidade de experimentar unha sensación de "imersión total", posto que estarán totalmente envoltos pola pantalla na que se proxectan os vídeos. 

Durante os cinco días que se prolongue a actividade realizaranse catro pases cada xornada. Dous pola mañá (ás 11,00 e ás 12,00 horas) e dous pola tarde (ás 16,00 e ás 16,30 horas). Se ben esta proposta é gratuíta, a cúpula ten un aforo máximo de 15 participantes, polo que é recomendable acudir algo antes do horario de inicio. Os interesados en descubrir á "Nena que sabía camiñar ó revés" poderán solicitar máis información sobre O Planetario Viaxeiro no teléfono 988 44 30 20.

Te puede interesar