ENTRE GRITOS, SALTOS E APLAUSOS RECIBIRON ONTE OS CATIVOS DE LOBIOS A CARLOS, LOLI, PILI, BRAULIO, SONIA, TATá E CHISPA. OS PROTAGONISTAS DOS BOLECHAS VIAXARON ATA A BAIXA LIMIA PARA ENTREGARLLES O PRIMEIRO PREMIO 'DEBUXA O TEU COLE' DE NOVAGALICIA

Os Bolechas conquistan Lobios

Un grupo de nenas baila con unha das xemelgas da familia. (Foto: FOTOS:MARCOS ATRIO)

Os rapaces do CEIP do Xurés de Lobios recibiron onte unha das visitas máis especial e emocionante da historia recente do centro. Os Bolechas viaxaron ata o corazón da Baixa Limia para participar no acto da entrega do premio 'Debuxa o teu cole', organizado con Novagalicia Banco, do cal resultaron galardoados co primeiro premio.

 'Cando nos chamaron para darnos a noticia, emocioneime. Xa habíamos recibido algún galardón, pero nunca desta envergadura', comentaba emocionada a directora do colexio, Milagros Paz.

A profesora Rosa María Rodríguez foi a encargada de animar ao 61 alumnos do centro a participar no concurso escolar, mostrando as cualidades naturais e familiares do seu colexio, e resultando gañadores entre as propostas de máis de 40.000 alumnos de 600 colexios galegos. 'Pintaron o cole, por dentro e por fóra, pero tamén resaltaron os valores naturais do entorno no que viven', resumía a profesora.

Rosa María Rodríguez e Milagros Paz recolleron de mans da directora de Marketing de Novagalicia Banco, Paz Comesaña, un cheque de 3.000 euros como gañadores do certamen na modalidade de centros. 'Con este diñeiro levaremos aos nenos de excursión ao parque zoolóxico de Marcelle, en Lugo', anunciaba Milagros Paz.


COMPROMISO SOCIAL

A responsable da entidade bancaria alegrouse de que o primeiro premio recaese neste pequeno e fermoso lugar do rural ourensán e subliñou que 'este é un exemplo máis do compromiso social de Novagalicia Banco, que financia ás familias, ás empresas, aos autónomos e ás pemes, pero tamén colaboramos con oenegués, con asociacións e todo tipo de colectivos de todo tipo, e desenvolvemos proxectos como o que hoxe nos trouxo aquí', dixo Comesaña. Ao acto tamén acudiu a rexidora local, Mari Carmen Yáñez, que expresou a súa satisfacción polo galardón e felicitou aos cativos e profesores por animarlles a participar nesta iniciativa. O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o responsable de Cultura da Deputación, César Fernández, e Antonio Couto, responsable de Edicións Bolanda, completaron a listaxe de autoridades invitadas a festa do Xurés.



FIESTA INFANTIL

Resgardados da chuvia nunha das zonas cubertas do patio, representantes da editorial, da entidade bancaria e da comunidade escolar asistiron emocionados ao encontro dos 61 rapaces entre 3 e 12 anos con Carlos, Loli, Pili, Braulio e Tatá Bolechas e o can, Chispa. 'Non hai ningún agasallo mellor ca este', aseguraba o pequeno Aarón, tras asistir incrédulo a chegada ao centro dos Bolechas e posar con eles, na entrega do primeiro premio. Máis tímidos, Celia, Ángel e Iker esperaban ansiosos o seu turno para acariciar ao can.

Pepe Carreiro, pai e creador da familia de animación máis querida da nosa comunidade, foi o encargado de impartir un obradoiro creativo cos estudantes do centro e dirixir a visita dos rapaces polo autobús dos Bolechas. Un espazo creativo e interactivo donde os rapaces puideron participar en actividades diversas como un karaoke, proxeccións audiovisuais, sesións fotográficas cos personaxes da serie ou xogos didácticos.

Novagalicia Banco vén colaborando con Os Bolechas estes últimos anos en diferentes actividades culturais e educativas. Nesta ocasión, ademáis do premio ao CEIP do Xurés, a entidade bancaria entregou aos colexios participantes un lote de cadernos de actividades de Os Bolechas. Na modalidade individual, Novagalicia Banco repartiu 30 premios de 60 euros, outros 30 de 30 euros e 60 Bibliotecas Básicas (12 libros e unha maleta). En total, a entidade repartiu máis de 45.000 cadernos de Os Bolechas.

Te puede interesar