La Región

ENTRIMO

Un estudo relaciona festas cristiás e restos arqueolóxicos

San Cibrao, Armeá e Celanova son os tres escenarios empregados no estudio, o primeiro de Galicia

O pedrón da Capela de San Miguel está aliñado co solpor do solsticio de verán sobre Castromao.
O pedrón da Capela de San Miguel está aliñado co solpor do solsticio de verán sobre Castromao.
Un estudo relaciona festas cristiás e restos arqueolóxicos

Contra o que a primeira vista puidera parecer, cando o cristianismo se instalou nos costumes culturais non borrou os rastros dun culto pasado, senón que os aproveitou para as súas propias celebracións. Esta é, a groso modo, a principal conclusión extraída do traballo "De los solsticios en los castros a los santos cristianos", firmado por Marco García, César González e Yolanda Seoane.

O primeiro, catedrático de Historia Antiga conta que o xermolo das pesquisas sitúase no castro de San Cibrao de Las e no conxunto de petroglifos de Amoeiro. Un deles, A Ferradura, "presenta unha fenda duns 15 centímetros que apunta cara o castro, ó outro lado do río" e permite observar a saída do sol os días 1 e 2 de febreiro. A casualidade comeza ó saber que é entón cando a aldea de Formigueiro celebra a festa da Candelaria.

Esta celebración conmemora a fin dos 40 días de purificación que pasou María tralo nacemento de Xesús. "Son estrictamente os mesmos días que pasan dende que o sol se pon sobre o monte San Trocado e ilumina o gravado de O Raposo no solsticio de inverno" ata que chega a Candelaria. Este primeiro paso, levou ós investigadores a descubrir tamén que o Outeiro dos Pendóns de Armeá, en Allariz, está orientado cara un petroglifo que recibe ó solsticio de inverno e que no medio desta liña imaxinaria se sitúa unha igrexa "dedicada a Santo Tomé, que se celebra o 21 de decembro", explica Marco García.

O terceiro descubrimento, que lle quitaba xa toda característica azarosa ó asunto, apareceu en Celanova e no pedrón da Capela de San Miguel, un resto antigo "orientado a Castromao no solsticio de verán e vemos que un dos cultos secundarios é a San Pedro", que se celebra a finais de xuño.

Polo de agora, son estes tres exemplos da provincia de Ourense os que demostran para toda Galicia que as festas cristiáns beben do pasado arqueolóxico", afirma o historiador Marco García.