CELANOVA

Mari Carmen Yáñez: "O futuro do noso concello pasa por un turismo ligado ao Xurés e o termalismo"

Inicia o seu terceiro mandato á fronte do Concello de Lobios, onde forma parte da corporación dende 2007.

Coa residencia de anciáns xa iniciada, Mari Carmen Yáñez  indica o termalismo como un dos grandes retos dos próximos catro anos.

Cales son os principais retos que presenta este mandato?

Ó igual que no anterior nos centramos sobre todo na residencia de anciáns para lograr levar a cabo algo tan desexado polos veciños, neste o que nos toca é centrarnos no termalismo e mellorar toda a zona termal de Río Caldo. Consideramos que o futuro do noso concello pasa polo turismo, por un turismo relacionado co parque natural e co termalismo e enfocaremos parte dos esforzos en mellorar e acometer esas obras tan desexadas. Este sería o proxecto máis ambicioso en canto á programación destes catro anos, pero sen esquecernos das pequenas necesidades dos distintos pobos e parroquias.

20190628194102604Nestas eleccións, Lobios perdeu dous concelleiros na corporación polo descenso de poboación. En que medida pode isto condicionar o mandato?

Non é que nos condicione, senón que é momento de reflexionar sobre o feito de que o rural segue perdendo habitantes e temos que empezar a apostar para manter a poboación nos nosos concellos. As nosas actuacións, como é o caso da residencia de anciáns coa creación de máis de 30 postos de traballo, pode axudar a fixar poboación no concello, e o impulso no tema termal e no turismo pode ser outra das grandes bazas para que se manteña esa poboación que estamos perdendo.

É o seu terceiro mandato. Como ten sido a evolución neste tempo?

A nosa chegada á alcaldía coincidiu coa etapa máis complicada economicamente para os concellos. Foi a época de facer reaxustes, a crise económica afectounos e, coas medidas que se adoptaron, os máis afectados foron os concellos. Nós pretendemos non perder a ilusión por acadar eses compromisos que tiñamos coa poboación. Aínda que o camiño ás veces non é tan rápido ou doado como un espera, traballando as cousas e facéndoas ben si que se acadan, e un exemplo disto é a residencia. Seguimos coas mesmas ganas e coa mesma ilusión para agora acadar o seguinte compromiso. 

Que condicionantes se presentan para Lobios polo feito de estar inmerso nun parque natural como é o Xurés?

Temos que poñelo en valor e acadar entre todos que haxa un apego e creamos nos beneficios que nos reporta formar parte del. Non podemos esquecernos que aparte formamos parte da reserva da biosfera. Ás veces o parque natural percíbese como un atranco ou limitación para os veciños e trátase de cambiar un pouco ese sentimento,  que realmente funcione e que repercuta no beneficio dos veciños, que realmente foron os que o conservaron e mantiveron. Gracias a como se coidou a zona acadou esa denominación de parque.

Te puede interesar