Baixa Limia

Bande dedicará tres casas de mestres a aluguer social

A consellería axudará a financiar as mencionadadas obras mediante unha achega de 27.632,78 euros

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a rexedora de Bande, Sandra Quintas, asinaron tres convenios de colaboración que lle permitirán ao municipio ourensán ter acceso ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo -IGVS-, un instrumento para apoiar a concellos de menos de 50.000 habitantes no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construido e, deste xeito, poder remodelar tres antigas vivendas de mestres co obxectivo de destinalas a alugueiro social. 

Concretamente, a Consellería axudará a financiar as mencionadadas obras mediante unha achega de 27.632,78 euros, contía que o Concello de Bande, segundo explicaron dende o departamento autonómico, "poderá devolver ao IGVS en oito anualidades, de forma cómoda e sen xuros".

Preténdese actuar sobre tres antigas vivendas de mestres, integradas nun conxunto de seis adosados localizados xunto ao Colexio de Educación Infantil e Primaria e compostos cada un de planta baixa e alta. O Fondo de Cooperación do Instituto Galego de Vivenda e Solo púxose en marcha no ano 2017 cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e o obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros. Grazas aos compromisos asumidos vía convenio entre o 2017 e o 2019, outorgáronse 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación de inmobles nunha decena de municipios.

Te puede interesar