BAIXA LIMIA

Pintadas contra o busto de Eugenio Montes en Bande

El busto de Eugenio Montes. Foto de archivo.
photo_camera Pintada no busto de Eugenio Montes.
O Comité da Memoria Histórica do Val do Limia pide a súa retirada

O pasado xoves, o busto que o Concello de Bande instalou no ano 1991 na Praza da Igrexa do municipio, amenceu cuberto por pintura das cores vermello e rosa. A acción foi reivindicada polo colectivo "Agora Galiza", tal e como os propios membros da agrupación publicaro nas redes sociais, que determinou realizar esta pintada durante a madrugada do 18 de xulo, coincidindo co 83 aniversario do alzamento militar que provocou a Guerra Civil, ó consideralo "un dos fundadores teóricos da Falanxe". 

Non é a primeira vez que o busto do político e escritor Eugenio Montes sofre este tipo de accións. Dende o Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia recordan que "hai uns 10 ou 15 anos incluso chegaron a arrincalo da peana". A asociación asegura que a escultura debería ser retirada "en cumprimento da Lei de Memoria Histórica" e, por iso, "levamos anos pedindo que se elimine" da vila. Do mesmo xeito, o colectivo insiste no erróneo do emprazamento, situada ó carón dun grupo de carballos de sementeira, que son "monumentos naturais". 

Dende o Concello entenden o suceso como un "acto vandálico" e aseguran que procederán a limpala, como xa ten acontecido en anteriores ocasións. A intención do consistorio non é, en ningún caso, a retirada da escultura, senón que tratarán de devolvela ó seu estado orixinal. O asunto xa foi obxecto de debate nalgún pleno municipal, onde o grupo de goberno asegurou que debían ser os veciños os que opinasen.


Seguirán as reclamacións


O Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia agarda a que o Concello estude a posibilidade de retirar o busto, aínda que na actualidade xa non se celebren actos arredor desta figura. "Hai anos viñan autobuses de Madrid para cantar o Cara el Sol diante dela", explican os membros do colectivo, "e agora, polo menos, iso xa non se fai". Con todo, sosteñen que, se dende o grupo de goberno non procederan á retirada do busto de Eugenio Montes, o propio Comité estudiará "a posibilidade de emprender accións xudiciais para que se cumpra a lei" entendendo ademais que esta figura "tampouco ten tanto vínculo con Bande", onde viviu de neno.

Non sería esta a única acción emprendida por "Agora Galiza" durante o aniversario do 18 de xullo. Segundo asegura a propia formación nas súas redes sociais, tamén realizaron actos no Porriño e Mos.

Eugenio Montes foi político, escritor e xornalista
Aínda que naceu en Vigo, en 1897, Eugenio Montes sempre destacou as súas orixes ourensás e, sobre todo, banduenses. Ademais de político, foi escritor, tanto en galego como en castelán, e xornalista. No ano 1933 foi un dos fundadores do partido "Falange Española", se ben as súas teses políticas eran próximas ó tradicionalismo monárquico. Pasada a guerra, trasladouse a Lisboa e foi membro da Real Academia Española. Eugenio Montes faleceu en Madrid en 1982.

Te puede interesar