ENTREVISTA

“Os veciños do rural dannos ánimos para que sigamos pelexando por un Xurés vivo"

josemanuelgonzalezpaz_result
photo_camera José Manuel González Paz, no Parque do Xurés.

Unha plantación simbólica nos montes máis afectados polos incendios deste ano na Baixa Limia permitiu visibilizar mediáticamente o traballo da Asociación Ambiental Xuresianos-Geresianos (Axuge), constituída fai menos dun ano por veciños e amantes do Xurés e que preside José Manuel González.

Como e cando xurdiu a idea de crear a asociación?

Xa tiñamos un grupo de xente que faciamos rutas de sendeirismo e vimos que xuntos podiamos facer cousas para mellorar e conservar o medio no que nacemos e vivimos, para as xeracións futuras. Aínda que eu son a cabeza visible, isto non sería posible sen todas esas persoas coas que traballo de xeito conxunto cada día, con sentimento, esforzo, traballo en equipo. Todo por un Xurés vivo.

Cales son os obxectivos de AXUGE?

Moitos. Propoñer campañas e medidas de educación en relación á defensa do medio ambiente e a conservación da biodiversidade, fomentar a educación ambiental e o voluntariado, a dignificación do hábitat e das culturas rurais baseadas no uso racional dos recursos ou promocionar unha política forestal baseada na conservación, rexeneración e aproveitamento sustentable dos nosos montes. Todo iso organizando encontros, debates, actividades culturais e calquera outra acción que logre sensibilizar á sociedade civil.

Como foi a acollida na comarca nestes primeiros meses?

A acollida foi boa, a xente do rural está cada vez máis envellecida e están contentos de ver aos xóvenes loitando pola terra. Terra que foi o seu medio de vida e á que lle deben tanto. Dannos moitos ánimos para que sigamos pelexando.  

Que proxectos levaron a cabo?

Aínda non tivemos o primer aniversario pero xa somos un referente na realización de actividades no Xurés en colaboración con outras asociacións como Lirio do Xurés, Aviva Sport, MiraXurés e Asociación Foxo do Lobo. Todos eles están dentro de Axuge e realizamos unha colaboración mutua de maneira voluntaria. Neste primeiro ano tivemos rutas de sendeirismo, levamos a cabo a plantación de árbores, realizamos actos en contra do lume e formamos parte da mesa de traballo polo Xurés. Asemade, co ánimo de implicar aos máis pequenos e achegalos á natureza, organizamos charlas en colexios e os levamos a visitar a cooperativa de mel do Xurés para que coñecesen de primeira man o mundo das abellas. 

E a medio-longo prazo?

Hoxe todos os voluntarios estamos a traballar arreo nunha ruta de sendeirismo coa que esperamos sorprender co seu trazado. De cara ao futuro, temos solicitado un proxecto a través do parque para a restauración das praderías de alta montaña e queremos revivir o traballo comunitario. Volver a facer o cambio de custodia do gando na serra e tamén aprender a facer carbón vexetal da man dos máis vellos. 

Te puede interesar