BAIXA LIMIA

Veciños do río Mao recuperan a vexetación de terras ardidas

RIO MAO
photo_camera As actuación centráronse nas marxes do río Mao.

No último ano conseguiron rehabilitar o Muíño do Alén e plantar unhas 300 árbores autóctonas

En outubro de 2017, un dos moitos incendios que nos últimos anos ten sufrido o parque natural do Xurés queimou máis de 1.000 hectáreas de terreos propiedade da comunidade de montes de A Cela, Puxedo e Guende. Agora, ano e medio despois daquela traxedia, os veciños conseguiron recuperar parte da vexetación que o lume lles tiña arrasado. Naquel momento, as lapas afectáronlle a un 80% das terras en man común. Por iniciativa do presidente, Jesús Rodríguez, e coa axuda de tódolos membros do colectivo, veñen de completar unha serie de actuacións que lles permitirán devolverlle á zona das marxes do río Mao a riqueza paisaxística que se viu ameazada polo lume. 

A primeira medida, como non podía ser doutro xeito, pasou pola limpeza e retirada da madeira ardida. Así o conta Pablo Rodríguez, responsable da zona de Puxedo. Como segundo paso, melloraron as pistas de acceso ó río e procederon á repoboación dunhas seis hectáreas de terreo. Deste xeito, neste tempo conseguiron prantar 300 árbores autóctonas. Bidueiros, castiñeiros, carballos... Estas e outras especias propias da paisaxe da Baixa Limia volven recuperar o seu protagonismo da man da comunidade de montes. 

Os traballos, financiados polos fondos destinados a parques naturais, acadaron un orzamento de 14.500 euros e centráronse polo de agora nas marxes do río. Por desgracia, o incendio de 2017 afectoulle a moito máis monte cá ese. "Aínda queda moito por recuperar, empezamos pola ribeira do Mao pero no resto de momento o que fixemos foi retirar a madeira queimada", explica Pablo Rodríguez. Se ben o lume lle afectou a máis de 1.000 hectáreas, houbo algúns conxuntos vexetais que non morreron de todo.

Foi por iso que lograron salvar unha carballeira de 15 hectáreas e tamén un souto aplicándolles traballos de poda e desinfección. 

A previsión dos mancomunados pasa agora pola elaboración dun plan de ordenación do monte. "Queremos darlle á zona un uso recreativo, forestal e tamén adicar unha parte á agrogandeiría traendo animais que manteñan o monte limpo". Iso será con vistas ós próximos 10 anos. Polo de agora, xa conseguiron o máis imporante: devolverlle á paisaxe do río Mao o esplendor que tratou de quitarlle o lume.


Incorporación á "Ruta dos Muíños"


Os labores de recuperación do monte non se centraron só en devolverlle a vexetación que noutrora tiña, senón que tamén se preocuparon de elementos arquitectónicos que adornan a paisaxe. Tal foi o caso do Muíño do Alén, que agora se integra na "Ruta dos Muíños". Unha proposta queabrangue un total de 10 edificacións das que, polo de agora, están totalmente recuperadas a metade, contando con esta que renace con orgullo xunto ó río Mao. Nas próximas semanas celebrarase unha andaina que os percorra e incluirá a escenificación do antigo proceso de moenda, segundo conta Pablo Rodríguez. 

Son algunhas das actuacións que os responsables da comunidade de montes de Puxedo, Guende e A Cela ten previsto desenvolver nos próximos tempos para empregar a singular natureza do Xurés como un reclamo turístico que lles axude, ademais, a "poñer en valor o monte". Entre elas, salienta tamén a recuperación do Muíño de Renguello ou a instalación dun punto de carga de auga para motobombas que lles axude a paliar os danos dos posibles lumes que lle afecten ó parque nun futuro. En canto á reforestación, a próxima zona a traballar será o Foxo do Lobo, onde pretenden recuperar outras 15 hectáreas de vexetación autóctona.

Te puede interesar