BAIXA LIMIA

Veciños de Muíños recuperan espazos turísticos en Barxés

Con axuda de fondos europeos, traballaron nunha ruta e un muíño que inauguran este sábado

Os veciños da parroquia de Barxés, en Muíños, reuniranse este sábado para unha xornada de convivencia na que celebrarán a inauguración do Roteiro da Portela e a recuperación do Muíño do Requeixo. A primeira, promovida pola comunidade de montes de Tourós, consistirá nunha ruta circular de cinco kilómetros e que presenta dificultade media que une dous antigos sendeiros, o de Porqueirós ou Camiño da Feira, e o da Aparecida. 

Ademais de realizar a correspondente limpeza para facilitar o paso polo roteiro, a comunidade de montes realizou un traballo integral para adaptar o percorrido e recuperar ó máximo os sendeiros. Deste xeito, realizaron actuacións de sinalización, acompañada da recuperación de fontes tradicionais, a construcción de merendeiros e dun miradoiro e a plantación de árbores autóctonas. "É unha ruta pequena pero percorre lugares como a fonte dos Mouros, uns pequenos petroglifos...", explican dende a comunidade de montes puntualizando que os traballos realizados posibilitan agora percorrer "un camiño que estaba irrecoñecible".

20190611191609077_resultParalelamente, a asociación de veciños A Corga de Barxés, constituída hai arredor dun ano, traballaba no seu primeiro grande proxecto: a recuperación do Muíño do Requeixo, polo que tamén transcorre o roteiro. A edificación, que levaba anos en estado de abandono, atopábase cuberta pola maleza e sen tellado. A actuación veciñal déulle unha cuberta nova e limpáronse tanto as paredes do muíño como o seu entorno. Aínda que o obxectivo inicial pasaba por poñelo en funcionamento, finalmente, debido a problemas co terreo, a asociación optou por outorgarlle un uso museístico instalando paneles explicativos que axuden a comprender a función e mecanismo destas construccións tradicionais galegas. Así o explica o representante do colectivo, Óscar León, incidindo na necesidade de recuperar este tipo de patrimonio.

Ámbalas dúas actuacións, tanto a recuperación do roteiro como a rehabilitación do muíño, foron posibles grazas a axudas procedentes de fondos europeos, que supuxeron unha aportación de 12.000 euros para cada un dos proxectos. Este sábado tanto a asociación de veciños A Corga de Barxés como a comunidade de montes de Tourós reuniranse para celebrar a recuperación do patrimonio natural e etnográfico da zona compartindo un vermú e unha sardiñada.

Te puede interesar