medio ambiente

Veciños unidos polo entorno

Participantes na Ruta das Chivanas, un sendeiro recuperado por Axuge.
photo_camera Participantes na Ruta das Chivanas, un sendeiro recuperado por Axuge.

A comarca da Baixa Limia ten experimentado un incremento do movemento asociativo veciñal movido pola recuperación e conservación do entorno e do patrimonio, tanto material como inmaterial da contorna.

O obxectivo é un: chegar a onde a Administración non o consigue. Con esa meta xorden as asociacións veciñais, que na comarca da Baixa Limia viven un fructífero momento de colaboración interveciñal e actividade variada. "Nos últimos anos houbo un impulso na comarca do movemento asociativo porque os veciños démonos conta de que se non tomabamos as rendas do asunto, ninguén o ía facer", explica Pablo Rodríguez, dos veciños de Puxedo. 

O colectivo do que el forma parte xurdiu no 2008 para recuperar o retablo da capela. O éxito da proposta levounos a formular outros proxectos, como a recuperación de muíños, fontes e rutas de sendeirismo. "A administración non chega a tódalas aldeas e, se hai implicación veciñal, a experiencia dinos que os proxectos poden saír adiante", precisa Pablo Rodríguez.

Co obxectivo de paliar a degradación do entorno naceu Axuge, unha das máis especializadas no eido medioambiental. "Hai pouco movemento e xente non hai, pero tratamos de salvar o reducto que poidamos". Así se expresa José Manuel González, cabeza dun colectivo que trata de recuperar o entorno con iniciativas como a Ruta das Chivanas ou a dos Castelos, que hoxe mesmo se celebra. Para el, o movemento asociativo debería ser aínda maior. "Se o 10% do tempo que pasamos mirando o móbil o dedicaramos ó entorno, teriamos uns bosques impresionantes". Para o membro de Axuge, a clave deste rexurdir do movemento veciñal radicaría nos últimos grandes incendios que sufriu a comarca da Baixa Limia. "Tanto no ano 2011 como no 2017, o lume chegou ás casas e a raíz disto, os veciños empezaron a moverse algo". José Manuel González salienta especialmente o papel que están xogando as comunidades de montes, sobre todo no referente á redacción dun plan de ordenación do monte, ausente dende 2009, "que diga que se pode facer e que non". 

Dende Muíños, os membros de A Corga de Barxés apuntan a que a "idea é non parar". Conscientes de que "cada vez hai menos xente" vivindo no rural, "vamos aproveitando as axudas que hai para facer cousas", explica Rubén. Entre elas, veñen de recuperar o Roteiro da Portela e o Muíño do Requeixo. 

Tamén en Bande os veciños de Xordos perciben o movemento veciñal, aínda que lamentan que a participación non sexa a que se reflicte. "Ten que haber dúas ou tres persoas dinámicas para unha asociación funcione e moita xente déixase ir", precisa David Pérez.Para el é imprescindible que "os que estamos vivindo no rural tiremos disto porque ten moita calidade de vida e estamos nunha zona moi ben comunicada e con moitos recursos".

Estes son só catro exemplos das numerosas asociacións que teñen xurdido nos concellos que conforman a Baixa Limia. As comunidades de montes da Serra do Xurés ou a sociedade Fontefría son outras das entidades que decidiron botar man do seu entorno e paliar as carencias da administración no rural.


O parque natural do Xurés é un dos escenarios polos que miran os veciños


Só o Concello de Lobios ten rexistradas unha trintena de asociacións veciñais, dedicadas a materia cultural, social e medioambiental. Se ben non todas presentan o mesmo grao de actividade, a alcaldesa do municipio, Mari Carmen Yáñez, resalta o positivo do movemento como "exemplo dos lugares ós que non dá chegado a Administración". Dos colectivos do seu municipio valora os "bos resultados" que están acadando e apostan por seguir mantendo "o traballo conxunto" entre concello e veciños. "Moi positivamente" tamén o califica o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, posto que o aumento do movemento veciñal é síntoma de que "hai vida no rural". 

A pesar de que a comarca da Baixa Limia é moito máis có parque natural do Xurés, Plácido Álvarez considera que este enclave "debería funcionar mellor". Para iso, "debería ter un director que axudara a darlle maior visibilidade". A reclamación dun responsable do parque natural é unha tónica xeral da comarca, pois desta mesma opinión é José Manuel González, de Axuge, ó entender que "o parque funciona mal porque non ten traballadores". Á falta de plan director súmase o feito de que "levamos anos sen director". Para el, un dos problemas da deixadez que presenta o entorno radica en que "falta moito ensino ambiental". Aínda que hai "moita xente que traballa moito, vamos facendo o que podemos".

Te puede interesar