entrevista

"Na vida xa imos a demasiada velocidade e o documental permite tempos máis calmados"

Aser Álvarez na entrega do premio.
photo_camera Aser Álvarez na entrega do premio.

O xornalista banduense Aser Álvarez resultou gañador do premio Johán Carballeira de Bueu por un orixinal texto que relata tres momentos dun encontro crucial entre o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín e o actor e productor Quico Cadaval.

Que supón este premio para vostede?

Un premio sempre é un agasallo, unha sorte que produce moita satisfacción e agradecemento. Sobre todo cando é algo prestixioso coma este ó que se presentan grandes profesionais do xornalismo. Que escollan un texto teu sempre é moi gratificante, pero que o escolleran por ser diferente, transgresor, fresco e que non obedece a ningunha regra de xénero tamén me agradou moito porque demostra que gustan as cousas diferentes, feitas con agarimo e con amor. O texto xorde dun encontro entre Méndez Ferrín e Quico Cadaval ó fío da adaptación de "Arnoia, Arnoia" ó teatro. 

Como foi o proceso de redacción dun texto tan diferente?

Foi xurdindo pouquiño a pouco desde o primeiro encontro que propiciei entre Quico Cadaval e Méndez Ferrín. Aí xurdiu unha conversa moi fermosa entre eles sobre a adaptación de "Arnoia, Arnoia", os proxectos de Quico, as lembranzas de Ferrín sobre o mundo do circo... Foi un texto en varias tacadas, porque tamén estivemos nos ensaios da obra e despois na preestrea. Eses tres momentos foron os que me animaron a armar un texto que tiña que estar á altura destes dous animais das artes escénicas e da literatura, ós que me une unha fonda amizade. Como o seu espírito é transgresor e arraiano, o texto tamén tiña que selo e xurdiu de xeito moi natural. 

Traballa nun documental sobre Ferrín. En que punto se atopa?

Levamos traballando nel dende hai 10 anos. Con motivo do seu 70 aniversario, publicouse o libro "Ferrín e a semente da nación soñada", no que eu colaborei. Xa fixera o documental sobre Celso Emilio Ferreiro e pensei en facelo sobre el. Comezamos a gravar e parte dese material foi o que provocou que acabara facendo este texto. É un documental cun longo proceso creativo, pero como tódolos que fago. Gústame traballar fóra de foco, sen datas, deixando que as cousas busquen o seu sitio, sen présa. Na vida xa imos a demasiada velocidade, o mundo do xornalismo é tremendamente vertixinoso e o documental permíteche tempos un pouco máis calmados. Ás veces pásome de lento porque este empeceino cando Ferrín fixo 70 anos e acaba de cumprir 81. Pero está en marcha. Como me une a Ferrín unha fonda amizade e é unha figura tan poliédrica, o documental require o seu tempo. 

En que outros proxectos traballa?

Estamos co proxecto "Galicia na memoria", co Ministerio de Agricultura, o de Educación e Cultura e a Filmoteca Española, cunha escolma de fondos fotográficos e cinematográficos sobre a Galicia rural.

Te puede interesar