As vítimas do fascismo de Muíños serán homenaxeadas

O Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia reuníase nestas datas de Nadal para acordar, entroutras cuestións, a celebración dun homenaxe a todos os antifascistas de Muíños executados e represaliados polo fascismo. “Continuaremos a tarefa iniciada na curva de Fontaboa no 2019, na ponte de Boado e Güimil (2020), nas proximidades do pozo do Inferno en Lobeira (2021) e o ano pasado en Ferreiros de Entrimo, sinalizando os lugares da memoria e da infamia”, subliñaban dende o comité, constituído no 2018.

A iniciativa desenvolverase en Mugueimes o 17 de setembro de 2023 e consistirá na instalación dun monolito de granito, inspirado nun menhir, obra do mestre canteiro Diego Currás que levará gravados os nomes das catro vítimas do municipio confirmadas polo momento: Benito Valencia Bouza, tenente de alcalde de Muíños; Lisardo Rodríguez León, guarda forestal; José Álvarez Fernández, membro da directiva do Sindicato Campesinho de Souto, e Lino Tejada Rodríguez, penúltimo gobernador civil do Alacant republicano.

Entre as actividades acordadas para o presente ano está a edición do libro “Moinhos republicano e antifascista’ e a publicación do número 6 do  Comité pola Memória Histórica do Val do Limia. Asemade, organizarán a quinta e sexta edición dos roteiros dos fuxidos.

Na primavera está previsto seguir os pasos no camiño entre Entrimo  Castro Laboreiro e, no último domingo de setembro, entre as Maus de Salas e Tourém.

Te puede interesar