fauna

A Xunta proponse analizar a fauna piscícola do Xurés

A Consellería de Medio Ambiente adxudica un estudo sobre a calidade das concas dos ríos 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de asinar o contrato para a realización dun estudo das comunidades piscícolas e do estado das masas de auga da parte galega da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, segundo anunciou este sábado a Xunta. O custo da actuación, que foi adxudicada á UTE Everis Ingeniería - Ecohydros ascende a 57.755,43 euros.

Este estudo adxudícase no marco do proxecto de dinamización do chamado Gerês-Xurés dinámico e será cofinanciado nun 75% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do programa de cooperación Interreg.

A consellería salienta que os obxectivos específicos do estudo serán determinar as características hidromorfolóxicas e fisicoquímicas da conca, caracterizar as comunidades acuáticas; determinar o estado trófico e potencial ecolóxico dos encoros e ríos; avaliar a incidencia de factores externos sobre a calidade ambiental das augas; e elaborar un diagnóstico e propostas de actuación encamiñadas á ordenación dos recursos piscícolas a mellorar os valores ambientais.


Ámbito territorial


O ámbito territorial dos traballos adxudicados comprende a parte galega da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés –concretamente, os concellos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños- e integra territorio da Rede Natura 2000, do espazo natural protexido ZEC Baixa Limia, da ZEPA Baixa Limia-Serra do Xurés e do Parque Natural do mesmo nome. 

Te puede interesar