baixa limia

O Xurés reabre este xoves as súas Portas con carácter temporal

Edificio de la Porta do Xurés de Muíños en O Corgo.
photo_camera Edificio de la Porta do Xurés de Muíños en O Corgo.

Os alcaldes da zona, satisfeitos coa reapertura, abogan porque esta teña máis continuidade

Os seis centros de interpretación que conforman a rede de Portas do Xurés reabren hoxe para recibir ós visitantes que poidan achegarse ó parque natural durante estes días de Semana Santa. Trátase da primeira apertura deste ano 2019, despois de que o verán pasado se completara o proxecto coa apertura dos seis edificios, posto que a inauguración dos de Lobeira, Entrimo e Calvos de Randín fíxose agardar máis cós de Muíños, Lobios e Bande. 

Para os alcaldes da zona, trátase dunha noticia moi positiva, aínda que agardan que o paso do tempo vaia axudando a incrementar a afluencia de visitantes. Dende Entrimo, Ramón Alonso, agarda a que estes días festivos sexan bos para a Baixa Limia porque xa no verán "funcionou razoablemente ben para ser a primeira vez". En termos semellantes pronúnciase o rexedor de Lobeira, Antonio Iglesias, agardando a que a promoción conxunta das Portas sirva para darlle difusión ó proxecto. "Confiamos en que, a medida que se vaia promocionando, vaia habendo máis xente", precisa.

Pola súa banda, o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, agarda a que este paso do tempo sirva para que as Portas do Xurés sexan "algo máis ca un centro de recepción de visitantes" poñendo como exemplo os centros de interpretación situados na parte portuguesa do Gerês. "Temos que ser capaces de interconectarnos entre nós e incluso falar con empresas das zonas" co obxectivo de incrementar a actividade. Entendendo que unha apertura permanente diaria non compensaría, Plácido Álvarez considera que o centro debería estar aberto en momentos puntuais.

Da mesma opinión é a rexedora de Lobios, Mari Carmen Yáñez, ó precisar que "para que as cousas funcionen teñen que ter continuidade" e, por iso, a Porta do Xurés do seu municipio é un "servizo imprescindible para poñer en valor" o parque do Xurés.


Seis portas especializadas no Xurés


O proxecto das Portas do Xurés iniciouse en 2012 promovida pola Deputación provincial e financiada con fondos europeos. O obxectivo era construír seis centros de interpretación, especializado cada un deles nunha temática relacionada co parque natural. O orzamento contemplado para a construcción dos centros, que buscan difundir a riqueza natural, patrimonial e histórica da reserva da biosfera, acadou 1.300.000 euros. Dende entón, teñen sido numerosos os intentos dos alcaldes da zona para sacalos adiante. Se ben os de Muíños, Bande e Lobios xa comezaran a funcionar, o verán pasado abriron os seis por primeira vez con gran afluencia de visitantes. Deste xeito, ademais de agora en Semana Santa, as Portas do Xurés volverán permanecer abertas os meses de xullo e agosto. 

Te puede interesar