GALICIA

A Coruña pide mudar o sistema enerxético e evitar despedimentos en Alcoa

A corporación insta "o Goberno galego e o Goberno de España a cambiar o sistema enerxético do país, para que garanta a viabilidade da industria gran consumidora de enerxía"

A corporación municipal da Coruña aprobou por unanimidade hoxe unha moción coa que insta o Goberno a mudar o sistema enerxético e insta a Alcoa a retirar o proceso de despedimento colectivo e manter a actividade produtiva.

A multinacional do aluminio Alcoa fixo entrega no pasado 1 de decembro aos representantes sindicais dunha carta en que expresa a súa intención de aplicar un despedimento colectivo nas fábricas de Avilés e da Coruña, que atribúe á imposibilidade de acceder a unha enerxía a prezos competitivos.

Na praza de María Pita, xusto diante da casa consistorial, e na tribuna de convidados do salón de plenos notouse a presenza dos empregados da factoría coruñesa tras a pancarta "Peche non, enerxía solución".

O traballador Óscar Varela Muñiz explicou aos medios que acoden ao pleno de decembro "unha vez máis, intentando defender o futuro da planta" e, ademais, pola "moción de apoio a Alcoa" que se presentará durante o pleno.

Dentro do edificio escoitouse constantemente o ruído que facían fóra os empregados desta factoría, que se mantiveron até o final concentrados na praza mentres os concelleiros debatían unha moción sobre o seu futuro.

Esta iniciativa, aprobada por unanimidade, ten na súa parte dispositiva unha serie de reclamacións que comezan coa petición de que Alcoa concorra "á poxa de lotes de interruptibilidade" que se celebra hoxe e mañá.

A corporación insta "o Goberno galego e o Goberno de España a cambiar o sistema enerxético do país, para que garanta a viabilidade da industria gran consumidora de enerxía e o mantemento dos postos de traballo".

Tamén solicita a Alcoa que retire "o proceso de despedimento colectivo iniciado e manteña a actividade produtiva", mentres que reclama que as autoridades laborais comproben que o expediente de despedimento se axuste á legalidade.

A concelleira de Emprego e Empresa, Luísa Cid, afirmou na súa intervención que "hai que facer plans que permitan" que o "país sexa competitivo", en especial a longo prazo.

César Santiso, da Esquerda Unida-Os Verdes, considerou "fundamental que se modifique o sistema enerxético" e opinou que "Galicia debe ter a súa propia tarifa porque é un produtor en excedencia".

"É un sistema estratéxico e fundamental que debe volver a mans públicas. Debe ser controlado polo Estado para garantir un servizo para as familias e as empresas", apuntou.

A nacionalista María Xosé Bravo afirmou que "non se pode curar un cancro cunha aspirina" e por iso "ademais de apoiar esta moción", o BNG levou outra coa que pide "unha tarifa eléctrica diferenciada", aínda que o Partido Popular impediu que se debatese.

Mar Barcón, do PSdeG-PSOE, criticou o sistema de poxa porque ten "un resultado catastrófico" e considerou "imprescindible que ademais das boas palabras se poñan solucións, solucións de verdade" que, neste caso, deben ser unha "solución de emerxencia e unha solución laboral".

Te puede interesar
Más en Canle Dixital