AGRADECEMENTO DA FAMILIA DE MELCHOR ROEL RIVAS

n n nA familia de Melchor Roel Rivas querémoslle manifestar ao pobo de Viveiro e ás súas institucións locais o noso máis fondo agradecemento polas condolencias e mostras de cariño recibidas, así como polo xeito en que se implicaron e aínda o están a facer neste adeus.
Melchor Roel Rivas alicerzou a súa vida en tres valores: a honestidade, a solidariedade e a valentía. Eses tres principios irrenunciables formaron parte da súa maneira de ser e de estar no mundo. Por todo o mundo, porque desde o Mugardos natal marchou con só 3 anos ao Uruguai. Os seus valores non lle permitían tolerar a inxustiza, e a súa loita polas liberdades custoulle ser detido e torturado polos axentes da ditadura militar e padecer o cárcere. Pero non renunciou a aquilo en que cría.

Saíu de Mugardos con 3 anos e regresou con 21. Na chamada Transición continuou coa loita polas liberdades, especialmente necesaria nun momento histórico en que cumpría traballar arreo contra os que pretendían establecer no Estado español un franquismo sen Franco. Fixo este labor primeiro na clandestinidade, máis tarde xa na legalidade, tanto co Partido Comunista como coas Comisións Obreiras.

Como sindicalista fixo unha das cousas máis nobres que pode facer unha persoa: consagrar anos da súa vida a mellorar as condicións de traballo -e, polo tanto, de vida- dos seus compañeiros e compañeiras. Por iso, amais do seu traballo, xa de sobra coñecido, na comarca da Mariña, queremos pór en valor os anos que pasou en Madrid na segunda metade dos noventa negociando o histórico I Convenio Único da Administración Xeral do Estado.

Melchor Roel Rivas foi sementando estes valores alí onde exerceu, e gañou con merecemento o respecto de quen o tratou, tamén no sempre difícil ámbito da política. Eses valores forman parte de nós, Melchor. Sentímonos profundamente orgullosos de que formaras parte das nosas vidas.

Te puede interesar
Más en Cartas al director