DE CALOTEIROS E OUTRAS LINDEZAS

Están conseguindo arrebatarnos as ansias de vivir. A política en España é sinónimo de estafa. E España ficará como ese apéndice de terreo onde todo vale. Onde todo se vende e compra. Ese anaco en medio de ningures onde os caraduras de turno veñen a celebrar ese festín que eles se atreven a chamar democracia. Ningún. Absolutamente ningún político soportaría unha revisión de hemeroteca. Ningún. E aínda serían capaces, como así o son, de xustificar ou negar calquera das súas palabras ditas dende o altar e en voz alta.
Levan a desvergonza nos xenes e a indecencia gravada nas paredes do estómago. É unha patoloxía que pagamos todos. Grazas a este amañado sistema conseguen de balde o salvoconduto que lles permite cruzar orgullosos calquera alameda. Chegamos ao límite onde calquera de nós devece por fuxir, escapar, mesmo rachar con todo, pero ao final todo segue impoluto. Nada cambia. Todo ten prezo e todo está xa comprado. Ou vendido.

Te puede interesar
Más en Cartas al director