Por dez céntimos

Aínda non tiña cumpridos os  seis anos de idade, en 1956, cando  escoitei falar do “Capitán Trueno”, un cabaleiro que loitaba o fronte dun grupo de españois en tempos da Terceira Cruzada en Terra Santa, durante o século XII. Por unha peseta e vinte e cinco céntimos, o custo de cada exemplar, podía seguir as aventuras deste singular personaxe.

Pasados os anos xuntei unha boa presa de cadernos ilustrados, e puiden recuperar os números atrasados trocando cada exemplar no quiosco de “Julio, o dos chistes”, ou facendo o mesmo entre os rapaces do meu barrio.

Así  coñecín a outros moitos heroes dos cómics, e sobre todo a aquel xigante “glotón” e boa persoa, Goliath, que en vez de tacos exclamaba “por el gran batracio verde”. Tamén coñecín a Crispín e Sigrid. Todos aqueles personaxes me levaron polas distintas xeografías e culturas da terra na compaña do Capitán Trueno, que loitaba contra os abusos dos poderosos e mantiña unha relación de parella con Sigrid –sen matrimonio de por medio- amén de establecer contactos amables con xentes doutras culturas e relixións.  

Mais se de algo saquei proveito foi de acrecentar a miña afección á lectura. Polo módico prezo duns céntimos de peseta podía trocar un exemplar por outro  e seguir a medrar no horizonte dos soños.

Parabéns para aqueles humildes “libreiros” da miña nenez. Tamén eles contribuíron a abrir os ollos aos rapaces daquel tempo. O sistema de troco non só contribuía á mellora da economía dos primeiros, se non que servía para adiviñar a existencia dun mundo que outros teimaban en nos pechar. Parabéns a aqueles “quiosqueiros” que nos ofrecían as historias ilustradas por Ambrós e outros, baixo o guión de Victor Mora, e que sen sabelo estaban a facernos o favor de descubrirnos que o mundo non remataba nas nosas fronteiras.

Te puede interesar
Más en Cartas al director