quén ten interese en tirar a casa de maceda?

Parece que finalmente o tema do derribo de Maceda se desvirtúa e se politiza, e todo isto moi o meu pesar, porque este tema non é de fai dous días, senón dos últimos tres anos e pico. En todo ese tempo eu non metín a política para nada, nin sinalei a culpables nin responsables, e miren que teño datos dende o Concello para facelo. Pero xa que o parecer somos no concello os culpables, e tamén os que politizamos o asunto, falemos pois de política.
Señor Carballo, pese a que lamento moitísimo que o Tribunal Xeral de Galicia lle tire a súa vivenda, non veña agora de inocente, incomprendido e maltratado. Vostede tiña que estar ben informado do tipo de vivenda que estaba facendo en Maceda, xa que remataba vostede a súa etapa de concelleiro, e como tal estaba vostede na obriga de coñecer o que se podía e o que non se podía facer en cuestións de urbanismo, e si realmente non o sabía, entón aínda mo pon vostede peor.

Non será que vostede se aproveitou de que seu partido estaba por aquel entón no goberno do Concello, para facer algo que o parecer é para o que vostede se meteu en política, para mirar o seu ben propio en vez do común, e agora nos traslada a culpa a outros que por aquel entón nin por asomo estabamos na política do Concello?

Seguramente por iso pense vostede que o feito de que estemos outros no Concello sexa unha desgraza para Maceda, aí o traizoa o subconscinte, xa que pensa que todos imos o Concello para aproveitarnos en beneficio propio, pero se esquece de que algúns non construímos vivendas fora de ordenación, pedimos permiso para todo e pagamos os nosos impostos, como ten que ser por certo.

O que si non lle permitimos, e isto o digo en nome do equipo actual de goberno, e que nos tache de conflitivos e buscar desencontros cos nosos veciños, porque niso foi vostede exemplar en varias saídas de tono que tivo vostede en varias ocasións no Pleno cando era concelleiro, e mesmo dentro do seu partido. Porque mire, señor Carballo, os que lle estamos actualmente no Concello nunca pelexamos entre nós, nin cos contrarios, e se quere, un día tamén profundizamos un pouco máis en todo isto.

Señor Carballo, vostede debera saber, e se non o sabe consúlteo: 'Se o Concello tivese interese en tirarlle a vivenda xa hai anos que estaría non chan'. Non será que vostede no fondo está receoso que o alcalde de Maceda, Xabier Oviedo, fixera máis por salvar a súa vivenda que vostede mesmo? Porque mentres o Concello mediaba no conflito, vostede seguía ameazando a parte denunciante, mentres o Concello pedía mais tempo aos xulgados vostede se encargaba de pórse cada vez mais desafiante, chegou a dicirme na alcaldía que 'antes de darlle un euro a esa persoa tiraba coa súa casa', ata o punto que eu cheguei a dubidar se non sería vostede mesmo o primeiro interesado en tirar ca súa propia vivenda.

Meu consello, un de tantos que lle din por certo, sería que aproveite estes últimos días que lle quedan para arranxar o preito que ten vostede cunha veciña, e non co Concello. E así evitar ter que tirar a súa vivenda, e isto case llo pido por min, xa que pese a todo, non lle teño ningunhas gañas de tirar nada, nin a vostede nin a outro. E se vostede non se ve capacitado para negociar, que xa sabemos que non, do contrario non estariamos onde estamos, canto menos non culpe os que sempre tratamos de evitar tal desenlace, que lle recordo que de non haber sido por este Concello que retrasou todo o expediente, xa hai mais de dous anos que a súa vivenda sería un solar.

Te puede interesar
Más en Cartas al director