solidariedade colectiva

Todas e todos podiamos ir nese tren.
Sentiuse o día seguinte. Nas colas ateigadas de xente para doar sangue. Centos e centos de persoas tentando axudar, que agardaron durante horas, que necesitaban contribuír de algún modo. Galegos e xente de fóra, peregrinos, turistas, incluso un home de Letonia, que viñera ó Apóstolo, que soubo do acontecido e sabía que o seu grupo sanguíneo, o AB, é pouco común. Persoal sanitario que non tiña que traballar onte e acudía ós hospitais para botar unha man, no que fose. Veciñas e veciños de Angrois tentando auxiliar ós pasaxeiros con todo canto tiñan. Bombeiros, corpos de seguridade, protección civil... Pacientes dos hospitais que cederon as súas camas e pediron a alta voluntaria.

Non hai palabras para describir a vaga de implicación, a solidariedade colectiva que onte nos moveu a todos, que nos tocou no máis íntimo. Que nos fixo recolocar as prioridades e sentirnos un, humanos sen fronteiras unidos por unha tristura infinita. A catástrofe, que non se entende e que remove as entrañas. E o orgullo de pertencer a un pobo desta nobreza, con esta capacidade de resposta. Todas e todos podiamos ir nese tren.

Te puede interesar
Más en Cartas al director