XA ESTAMOS FARTOS, SOMOS IGUAIS

A pesar dos avances polo que se caracteriza a nosa sociedade, aínda contamos cunha lacra que nos marca á hora de definirnos como persoas en igualdade de dereitos e recoñecemento.
O 25 de novembro temos que adicar unha xornada a lembrar as vítimas da violencia de xénero, unha lacra que afecta maioritariamente ás mulleres. Entón, en que nos diferenciamos con respecto a outras épocas do pasado? Seguimos sendo igual de violentos, tanto os que exercen esa violencia coma os que non fan nada para que isto cambie. Todos e todas temos a culpa de que isto siga así, como tamén todos e todas podemos poñer o noso grao de area para poder cambialo. Esta barbarie coa que estamos a convivir chega a nós directamente, cando é alguén próximo quen sofre ou exerce esa violencia, ou indirectamente polos medios de comunicación cando vemos ou escoitamos que volve haber outra vítima.

Dirán que cada ano o número de mortes baixa, pero mentres haxa unha única morte, é demasiado e debemos pensar que a situación segue igual. Tan difícil é entender que ninguén é dono de ninguén? Non hai dereito a pórlle a man encima a alguén porque sexa a túa parella. Moitas persoas soportan situacións tan crueis, que parece imposible crer que merece a pena manter esa tensión familiar, laboral ou do tipo que sexa. Isto merece unha concienciación moi profunda dende a escola, inculcar valores ligados máis ao razoamento e ao bo comportamento, que as morais que só levan á segregación de sexos. Hai que reflexionar porque, se de momento vivimos nun mundo onde se presupón que a muller ten dereitos, á hora da verdade non se cumpren os fundamentais.

Te puede interesar
Más en Cartas al director