ENTREVISTA

"Lobios e Entrimo non somos competencia, somos colaboradores"

laura
photo_camera Beatriz Pereira

Beatriz Pereira Rodríguez é presidenta da Asociación Cultural e Etnográfica Xanela de Entrimo

O campo da feira de Entrimo acollerá hoxe a celebración da Feira de Artesanía de Nadal, unha iniciativa da recentemente constituída Asociación Cultural e Etnográfica Xanela de Entrimo. A súa presidenta, Beatriz Pereira, fala dos obxectivos da asociación e dos proxectos do colectivo para os vindeiros meses.

Que é Xanela?
Somos un grupo de 13 persoas interesadas en dinamizar o noso pobo con actividades culturais e etnográficas, favorecer a difusión do noso patrimonio e dar a coñecer o Entrimo máis alá das nosas fronteiras. Ao ser un concello pequeno, sabemos que hai limitacións para que a administración faga moitas cousas, pero si que está na nosa man poder liderar actividades culturais, de artesanía,... De feito, levamos un ano traballando xuntos e xa fixemos varias feiras, un entroido no verán e unhas xornadas micolóxicas.

Para esta ponte tamén tedes actividades?
Si. Conxuntamente coa Asociación de Empresarios de Lobios organizamos a primeira ruta de pinchos "Sabores do Xurés", na cal nove locais dos dous concellos ofrecerán pinchos de outono ata o domingo. A maiores, hoxe sábado no campo da festa de Entrimo, organizamos a Feira de Nadal. A iniciativa xurdiu de varios artesáns que xa ían a outras feiras e pensamos, por que non aquí?. Haberá unha vintena de tendeiros de Galicia e Portugal con artigos artesáns para agasallo e tamén produtos de alimentación da zona. Para os nenos teremos un taller de adornos de Nadal e inchables gratuítos de 11,00 a 14,00 horas. É necesario mobilizar ao pobo, dinamizar a hostalería, porque si funcionan os bares e os restaurantes, funciona o resto. 

Como está sendo a acollida no pobo?
A experiencia está sendo moi positiva e, nas actividades que organizamos ata agora, con moi boa crítica. É certo que sempre hai cousas que mellorar, pero a xente transmitiunos o seu desexo de que sigamos organizando cousas. É moi gratificante que fagas algo e ver que gusta. Gustaríame resaltar o traballo que está facendo a xente da asociación. Ese é o segredo para que esto funcione. 

Que proxectos tedes en mente para o ano que vén?
Queremos desenvolver un obradoiro de teatro e algo de cine.  Tamén estamos barallando, de cara ao verán coa colaboración dun grupo de música de Entrimo, organizar un pequeno festival de rock.

Que tal a colaboración con Lobios?
Ambos colectivos coincidimos en que é necesario traballar xuntos e poñer en común iniciativas, proxectos. Non somos inimigos nin competencia, somos colaboradores. Xa colaboramos con outras asociacións locais, como as mulleres rurais. Temos en mente facer unha reunión conxunta con tódalas asociacións da Baixa Limia, para coñecernos e ver en que podemos traballar conxuntamente. Temos que empezar a traballar globalmente, pensando en vender o territorio, o Xurés.

Estades na raia con Portugal, como será a vosa relación co país veciño?
Estamos moi preto, na fronteira e temos que aproveitar ese tirón. A nosa localización xeográfica prexudícanos en moitas cousas, pero noutras favorécennos e temos que sacarlle partido. Na feira contaremos con artesáns de Portugal, só iso xa nos permitirá atraer visitantes do país veciño.

Te puede interesar