CELANOVA

Auga e eleccións nun día de feira

A chuvia outorgou medio día de tregua para que Celanova recibise a milleiros de persoas que buscaban a mellor oferta. Este ano, a Feira da Oportunidade coincidiu por primeira vez cunha campaña electoral

A xente encheu a rúa Celso Emilio Ferreiro e os postos da Feira da Oportunidade (ÓSCAR PINAL).
A xente encheu a rúa Celso Emilio Ferreiro e os postos da Feira da Oportunidade (ÓSCAR PINAL).
Auga e eleccións nun día de feira

A previsión meteorolóxica parecía ir en contra pero ó final, a metade do día conseguiu salvarse e favoreceu que arredor de dous milleiros de persoas se achegaran a coñecer as mellores oportunidades dos comercios de Celanova. A Feira da Oportunidade non defraudou e volveu congregar a persoas chegadas de diversos puntos da xeografía galega e mesmo estatal para un día no que o recollemento dos católicos pola proximidade da morte de Xesucristo contrastou cos ritmos de pandeiretas e altavoces. As principais rúas da vila enchéronse de clientes e paseantes ávidos por atopar esa oferta pola que levan agardando todo o ano. Dende a organización, a media mañá xa consideraban un éxito esta convocatoria e lembraron que "non se trata dunha feira de mostras, os prezos que se atopan hoxe non os volve haber en todo o ano". Así o explicaba Julio Gosende, promotor da festa que este xoves acadou xa a súa undécima edición. 

Este ano, ademais, coincidiu por primeira vez con outro acontecemento que lle afectará en pouco máis dunha semana a toda a sociedade española: as eleccións xerais. A maior parte dos grupos con candidatura para o Congreso dos Deputados aproveitaron o xentío deste xoves para dar a coñecer o seu programa electoral. Os cabezas de lista por Ourense de PP, PSOE e BNG repartiron propaganda electoral pola vila durante boa parte da mañá aproveitando tamén para falar coa xente e, non só explicar o seu hipotético programa de goberno, senón tamén escoitar as loubanzas e queixas dos votantes. Eran moitos os veciños que percorrían os diferentes postos en busca de ofertas con máis dun papel publicitario nas mans. 

Era moita a expectación que este ano había arredor da Feira da Oportunidade. Durante os últimos días, o runrun que correu entre o colectivo venezolano de Celanova indicaba que tratarían de impedir a actuación do cantautor caribeño Hany Kauam. A súa pasada relación co sistema de goberno de Hugo Chávez foi o argumento que iniciou as protestas, que mesmo chegaron a través das redes sociais ata o alcalde, José Luis Ferro. Aínda que nun primeiro momento, a organización da Feira optou por manter o concerto, finalmente decidiron suspendelo, unha decisión á que tamén se sumou o propio artista, para evitar posibles problemas. 

Con todo, a medida que foron pasando as horas, a chuvia tamén quixo participar nas celebracións do comercio da vila. Así, tanto a Feira da Oportunidade, como o Santo Mercado que se celebraba na rúa Encarnación, tiveron menos afluencia pola tarde, unha tarde que si estivo amenizada por numerosos grupos musicais que lle prantaron a súa mellor cara ó mal tempo. 

Os comercios de Celanova continúan este sábado coas súas promocións na Festa da Faba, que incluirá unha feira de artesanía e un mercado de segunda man, ademais de menús completos baseados nesta legume.