ENTREVISTA

Benito Villar: "Somos unha das bandas nas que se ve máis xente maior, con máis canas"

benitovillar222_result
photo_camera Benito Villar Fernandez.

Benito Villar Fernández é o director da Banda de Música de Vilanova dos Infantes que actuará este venres na romaría que comulga o fervor relixioso pola Virxen do Cristal

O santuario do Cristal acolle hoxe o último día da novena (8,30 e 19,30 horas) no preludio do seu día grande, mañá 15 de setembro. Unha romaría na que comulgan o fervor relixioso pola Virxe do Cristal (unha réplica tras o roubo en 2015 da talla orixinal) e a parte máis pagá, onde non faltará o polbo e a boa música. Un cartel onde non podía faltar a Banda de Música de Vilanova dos Infantes, que dende fai sete anos dirixe o mozo Benito Villar.

Que supón para vós actuar en Vilanova o día grande do Cristal?

É un pracer que nos inviten todos os anos para actuar o 15 de setembro. Este ano xa pensabamos que nos iamos quedar sen festa... 

Como será a vosa participación?

Ese día o concerto será conciso porque dende a mañá haberá pasarrúas dende Celanova a Vilanova e despois acompañaremos a procesión do Encontro e a misa. Así que o concerto será duns 20 minutos con pasodobres e xotas.

Que tal foi o verán?

A verdade é que este ano tivemos moitas actuacións. Estamos moi contentos e máis porque temos un setembro bastante bo, case todos os domingos deste mes están ocupados. Actuamos nas festas da contorna, pola provincia de Ourense e, aínda que saímos pouco da provincia porque economicamente non é rendible, todos os anos participamos na procesión dos Pasos de Zamora. Este ano fomos a única representación da provincia e xa quedamos contratados para o ano que vén.

Cal é a maior dificultade á que vos enfrontades as bandas de música?

Eu creo que a nosa rivalidade son as charangas. As comisións de festas non aprecian pagarlle á banda o que realmente ten que cobrar. Prefiren gastar 500 ou 600 euros nunha charanga que pagarlle 2.000 á banda. Habería que valorar máis a música. Nun concerto hai un matiz, outro tipo de esforzo que non o leva unha charanga.

Podedes convivir?

Si, de feito nós na banda sempre fixemos grupos de dez músicos. Aínda que esperemos que non vaia por aí o futuro. Nós seguiremos loitando polo nome da Banda de Música de Vilanova dos Infantes.

Sodes unha das bandas máis antigas de Galicia, como se mantén? 

No ano 1860 xa había dúas charangas, as cales decidiron xuntarse para formar un colectivo. Pois a verdade é que é duro. Hoxe mantémonos grazas ao Concello de Celanova e a Deptuación de Ourense, e a implicación dos músicos, preto de 40. Teño que dicir que somos unha das bandas nas que se ve máis xente maior, con máis canas. Temos un músico que vai para 90 anos, Elías Vázquez, e de oitenta quedan Jaime, o señor Luis e Ramiro. Esta xente leva toda a vida.

Tendes relevo xeracional?

A última incorporación foi Alejandro, que ten 12 anos. Temos unha escola de música con 17 rapaces que son o futuro da banda. Impartimos clases de solfeo, clarinete, saxo e frauta e despois temos o profesor de metal. A esta actividade temos que sumar a Asociación de Amigos do Acordeón das Terras de Celanova, que saíu da Banda de Música de Vilanova dos Infantes. Aí son todos xubilados, aínda que estudan coa mesma ilusión que si fosen xóvenes.

Te puede interesar