Caldo de verzas... e poesía

clvncaldogloria (4)_resultado
 Os acordes de "Negra Sombra", "Cantiga (Unha noite na eira do trigo)" ou do propio himno galego resoaron onte no Coro Alto da igrexa conventual de Celanova con motivo dos actos conmemorativos do Día de Rosalía.

Celanova e os seus habitantes sumáronse aos actos convocados pola Fundación Rosalía de Castro con motivo do 183 aniversario do nacemento da escritora e, referendados pola súa homónima currosiana, ao longo do día participaron en diferentes actividades culturais e gastronómicas. "Do mar pola orela/ mireina pasar, na frente unha estrela/ no bico un cantar", recitou Curros Enríquez á morte da poetisa, pero non foron eses os versos que onte se leron nas rúas e prazas da vila do autor de Aires da Miña Terra, senón os de "Miña casiña, meu lar".

A receita do caldo de gloria recollido nese poema rosaliano escoitouse na rúa e coceuse nos fogóns de preto de 40 locais de hostalería participantes na actividade promovida dende a Casa dos Poetas. Os veciños degustaron agradecidos a proposta gastronómica, sinxela pero moi galega, despois dunha longa noite de troula con motivo da verbena do Entroido. Un grupo algo menos numeroso aproveitou para desfrutar da visita guiada polo Mosteiro de San Salvador e o posterior concerto didáctico "Especial Rexurdimento", coa interpretación da "Dj" local, a organista María José Mosquera, da música de cancións populares coa letra dos tres autores do Rexurdimento: Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro. 

Dende as fundacións dos tres literatos galegos "imos, pouco a pouco, dando paso na consolidación dun roteiro do rexurdimento, mentres a Consellería de Cultura non asume o proxecto como propio", subliñaba o secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro, quen ademáis dos actos de onte lembraba os intercambios e as visitas culturais que anualmente se organizan para os veciños dos tres concellos. "Creemos na importancia dun proxecto que hai que velo dende tres perspectivas: cultural, turística e educativa. É unha proposta que pode venderse fóra de Galicia, sobre todo co altavoz que supón Rosalía de Castro", engadía Piñeiro, quen non dúbida que a xente se achegue a Galicia, e máis concretamente a Celanova, Padrón e Ponteceso, coa desculpa literaria dado o auxe do turismo cultural.n

Te puede interesar