Cultura

Unha campaña rescata o legado celanovés de Nós

A exposición "Nós naceu en Ourense hai 100 anos" na Praza Maior de Celanova (ÓSCAR PINAL).
photo_camera A exposición "Nós naceu en Ourense hai 100 anos" na Praza Maior de Celanova (ÓSCAR PINAL).
O Concello amplía a exposición de La Región con textos publicados na revista sobre Celanova
 

O Concello de Celanova lanzou a través das redes sociais unha iniciativa para poñer en valor a relación dos intelectuais galeguistas da xeración Nós coa vila de San Rosendo aproveitando a presenza da exposición "Nós naceu en Ourense hai 100 anos" que este mes se pode visitar na Praza Maior da man de La Región. "O obxectivo é divulgar a relación, descoñecida en moitos casos, que tiveron os protagonistas da xeración Nós con Celanova metendo frases ao estilo do "Sabe usted..." de La Región", explicaba Antonio Piñeiro, responsable do departamento de Cultura do Concello de Celanova, quen coordina a campaña co apoio da responsable da biblioteca municipal. "En ningún outro concello fíxose tal cousa. Paréceme fantástico", aplaudía Maribel Outeiriño, a xornalista e comisaria da exposición conmemorativa do centenario da revista.

Baixo o cancelo "Celanova e  Nós" preténdese dar a coñecer a influencia do poeta celanovés Curros Enríquez en Vicente Risco, Otero Pedrayo,... e tamén o papel que xogaron estes na promoción da historia e o patrimonio local. "A figura de Curros foi un pouco a propulsora desta xeración e un referente para todos. Risco, Otero Pedrayo... escribiron sobre el", dixo na presentación da mostra o alcalde, Antonio Puga, quen lembrou como Xoaquín Lourenzo Xocas e Jesús Ferro Couselo entraron na Real Academia Galega nun acto celebrado en Celanova no ano 1951 coincidindo co centenario do nacemento do autor de "Aires da miña terra". "Naquel encontro Ferro Couselo falou sobre outro celanovés, Mauro Castellá Ferrer", lembra Piñeiro Feijóo, quen apuntou como foi Xocas quen naquel acto, propuxo facer un monumento coa Tessera Hospitalis atopada en Castromao.

O xacemento arqueolóxico protagonizou o primeiro dos fíos publicados esta semana, facendo referencia ao texto recollido no número 15 da Revista Nós cunha descrición do castro. Onte foi a quenda foi para Otero Pedrayo e o artigo que publicou en 1929 sobre a execución en Celanova en 1850 do bandoleiro Manuel Álvarez Romero.

Te puede interesar