entrevista - música

“Cando viaxas ves cidades, músicas, arte e iso sempre te empapa"

O artista de música contemporánea Roberto Oliveira.
photo_camera O artista de música contemporánea Roberto Oliveira.

O artista de música contemporánea Roberto Oliveira chega mañá ó auditorio municipal Ilduara de Celanova ás 20,00 horas para ofrecer o espectáculo "ElektroniKontainer"

O artista de música contemporánea Roberto Oliveira chega este venres ó auditorio municipal Ilduara de Celanova ás 20,00 horas para ofrecer o espectáculo "ElektroniKontainer", unha mestura de manifestacións artísticas coa percusión, a electrónica e a arte visual como protagonistas. 

Que poderemos ver no concerto de Celanova?

O concerto pola noite é de percusión, electrónica e arte visual sincronizado. Eu dedícome á música contemporánea e sempre poño proxeccións feitas para ser sincronizadas con cada peza. Imos escoitar dende sets moi grandes de tambores ata instrumentos melódicos como o vibráfono. É un concerto de 60 minutos onde hai música moi contundente e agresiva e tamén melodías moi tranquilas, moi chill out. É unha viaxe de principio a fin onde o público se pon un pouco en tensión e outras vez reláxase a sala. Pola mañá faremos o proxecto didáctico, baseado no mesmo producto, e explícolle ós rapaces os instrumentos que emprego. Con teléfono móbil e ordenador facemos un concerto didáctico de manipulación de imaxe e son en directo con eles. 

As túas obras son de investigación sonora. Como é ese proceso?

Algunas das obras que eu interpreto son traballadas conxuntamente con compositores e outras son 100% miñas. Aínda que traballe con outros compositores, sempre son obras creadas expresamente para min. Os instrumentos que utilizo en percusión, aparte da súa manipulación electrónica, tamén fago manipulacións acústicas, que parecen electrónicas pero feitas con obxectos cotiáns. Por exemplo, moitas veces o vibráfono tócoo con dedais de costura, póñolle cadeas... Aparte de interpretar os instrumentos de forma tradicional, gústame levalos a outros extremos. Agora mesmo estou tamén aplicando ó vibráfono pedaleiras de distorsión, dedais de guitarra... 

Combinas diferentes manifestacións artísticas. En que medida se complementan?

Cada peza leva o seu arte visual. Non é un formato de principio a fin. Por exemplo, hai unha obra para maracas e electrónica baseada nos incendios forestais galegos. Hai outra que é un falso vídeo mapping da cidade de Bos Aires. Si que é certo que nos meus concertos xogo coa liña da sobreinformación. A crítica de todo o público adoita ser que necesitan volver e eso é o que eu quero. É certo porque estamos xogando con catro elementos: a arte visual, a electrónica, o son acústico dos meus instrumentos e, ó mesmo tempo, hai outra proxección do meu corpo e os meus movementos. Quero que o público elixa en cada momento o que quere facer.

Como teñen influído as túas experiencias polo mundo nesta investigación de novos sons?

Moitísimo. Volvín a Galicia hai catro anos e si que inflúe porque captas cousas doutros músicos compañeiros que veñen doutros continentes. Cando viaxas, ves as cidades, as músicas, concertos... Ves arte en xeral e iso sempre te empapa. Cando quero montar un concerto ou unha obra nova gústame ir a un museo tranquilamente e aí é onde máis me concentro.

Te puede interesar