entrevista

Carlos Blanco: "Fanme moita gracia os nenos en xeral, son puros; fanme rir moito"

O actor e humorista Carlos Blanco.
photo_camera O actor e humorista Carlos Blanco.

O humorista Carlos Blanco actuará este xoves en Celanova dentro do ciclo "Para o que me queda no convento, ríome dentro". Será a partir das 22,30 horas e as entradas están á venda en "www.woutick.es" e no Café Espolón.

De que nos vai falar en Celanova?

Non podo dicilo porque aínda non o decidín exactamente. Teño unha idea que me gustaría desenvolver. Coincide que estes últimos meses marcharon algúns amigos. Onte despedimos ó gran actor Celso Parada. Nos últimos tempos fóronseme algúns e quería renderlle unha homenaxe tanto na actuación de Celanova como na que farei en San Estevo de Ribas de Sil, que son dous marcos marabillosos e nos que me apetece moito facer algo un pouco especial. 

Pero vanos facer rir, non?

Si si, claro. En clave de humor. De feito, onte estivemos na incineración de Celso cantando.

Esa forma tan galega de afrontar a morte.

Si, de aceptar que así é a vida e que a morte fai parte dela, por máis que doa. O que celebramos fundamentalmente foi que Celso viviu en liberdade e fixo o que quixo. Por iso, vai ser unha celebración.

Estamos en tempos nos que esquecemos rir máis do que deberamos?

Non sei se hai algún tempo que non é así. Finalmente rir é algo terapéutico. Nos enterros rimos moitas veces. Quen non ten a experiencia dun velatorio no que se acaba rindo? Rir é unha necesidade. Eu ós meus amigos músicos dígolles moitas veces que o que fan é algo marabilloso, pero a risa é algo imprescindible. Xogamos con esa pequena vantaxe os humoristas.

Rimos de algo especial os galegos ou o humor é universal?

Os galegos podemos rir con Monty Python ou con Les Luthiers, con Mr Bean ou con Touriñán. En xeral non hai moita diferencia. Si que a hai á hora de mostralo. Mesmo en Galicia hai diferencias moi notables do interior á costa. No interior a xente é máis tímida, menos extrovertida. Ás veces pregúntaste se lles estará gustando a actuación e resulta que lles está encantando, pero dincho ó final. Ten máis que ver con iso, pero en xeral creo que a todos non fai rir cando alguén tropeza e cae, ou cando hai un diálogo intelixente, como nunha película dos irmáns Marx.

E como se afrontan eses momentos de non saber se á xente lle gusta o que fas?

Aí é clave a veteranía. Non poñerte nervioso, non entrar en pánico, non autocriticarte, seguir para diante e, se ó final, entran e notas que consigues a atención e a gargallada que buscas, perfecto. Se non, tes que seguilo intentando. Non hai outra solución. Eu teño a vantaxe de contar con moitos anos de oficio, de coñecer ben ó público de case todo o país. Intento non poñerme nervioso se de repente non todo vai como eu esperaba.

Ten evolucionado o humor dende que empezaches?

Claro, o humor evoluciona. Eu, que teño xa 60 anos, vivín o humor de Tip y Coll, o de Gila, despois unha seguinte xeración con Arévalo, Los Morancos, José Mota, o actual con Muchachada Nui ou El club de la comedia. Claro que evoluciona. Hoxe non se admitirían chistes de gangosos ou mariquitas, por poñer un exemplo, ou chistes machistas que noutra época infelizmente eran tan comúns. O público xa non o acepta, ou polo menos parte del. 

Que é o que fai rir a Carlos Blanco?

Fanme moita gracia os nenos, en xeral, as súas saídas. Nalgunha actuación ás veces recupero frases de rapaces que te sorprenden. Son moi puros e fanme rir moito. Intento rir todo o que podo.

Te puede interesar