TRIBUNA

Carlos V en Celanova, lenda e historia

En Celanova cóntase que o emperador Carlos V tivo intención de retirarse ao mosteiro de San Rosendo despois de abdicar. Descoñecemos a orixe desta lenda á que, non obstante, deron creto historiadores como Otero Pedrayo ou Cid Rumbao, pero sabemos que xa a contaban os padres escolapios a principios do século XX, como se desprende dun libro de viaxes de Annette Meakin, aínda que a escritora inglesa confundise nas súas notas a Carlos V co rei Filipe V.

Varios retratos da familia do emperador labrados no claustro procesional poden aportarnos algunha pista. O de Carlos V é o único identificado co seu nome, polo que se ten dito que foi feito para o seu deleite. Mais, de acordo coa documentación conservada, precisamente os tramos da galería norte onde se atopan as efixies rexias foron os últimos en construírse, entre 1594 e 1595, cando o emperador xa levaba case 40 anos morto. 

O infante Xoán de Austria tiña dez anos cando abdicou o emperador. Porén, en Celanova, ademais de ter barba, aparece representado co vélaro de ouro (toisón) que lle entregou o seu medio irmán, o rei Filipe II, xa que o de Lepanto non foi recoñecido como membro da familia real ata que morreu seu pai. Se nos atemos novamente ás datas de construción, Xoán de Austria levaba tamén uns cuantos anos defunto cando fixeron o seu busto. 

Busto de Xoán de Austria no mosteiro de Celanova.

Busto de Xoán de Austria no mosteiro de Celanova.

Non nos consta que Carlos V pensara nalgún momento en acabar os seus días en Celanova. O que parece claro é que os bustos do mosteiro non foron feitos para que el os vise. O único certo é que o monarca elixiu Yuste, unha decisión moi pensada e onde se tiveron en conta varios elementos, entre eles que o mosteiro fose de xerónimos, a orde predilecta do monarca, tal e como conta frei Xosé de Sigüenza na Historia de la orden de San Jerónimo. 

Como explicamos entón a presenza de Carlos V e a súa familia entre os medallóns do mosteiro? Tal vez responda a un programa iconográfico contrarreformista fomentado pola corte de Filipe II que se baseaba no culto á estirpe real como defensora do catolicismo. Ao fin e ao cabo, os monxes de Celanova pertencían daquelas a unha congregación beneditina, a de Valladolid, de fundación rexia.

Ata aquí a lenda. Agora, menos coñecida, pero veraz, é a historia da desamortización que sufriu o mosteiro en tempos de Carlos V. Un monxe da casa, frei Benito de la Cueva, danos conta deste suceso no capítulo 17 da súa Historia de los Monasterios y Prioratos anejos a Celanova. Todo empezou en 1551, cando o papa Xulio III autorizou ao emperador a que expropiase e vendese os bens dos mosteiros de tódalas ordes da península por un valor de 500.000 ducados. A finalidade era sufragar os gastos bélicos contra os protestantes, xa que a facenda real estaba á beira da bancarrota, precisamente por causa das guerras. 

Alonso de Acevedo, conde de Monterrei e gran amigo do monarca, aproveitou a ocasión para facerse dono das vilas de Verín, Pazos, Mixós e outros coutos que lindaban coas súas terras, pero pertencían aos monxes de Celanova. Estes territorios levaban séculos en disputa, practicamente desde a mesma fundación da vila de Monterrei. Sen eles, di con retranca o cronista de Celanova, o conde non era “verdaderamente señor, como no lo era de disparar una escopeta sin que la muniçión cayese en jurisdiçión de Zellanova”.

Ao final, Alonso de Acevedo conseguiu da rexente Xoana de Austria, filla do emperador, a orde de alleamento. Os territorios pasaron á Coroa que llos vendeu ao conde xunto coa xurisdición civil e criminal e os demais dereitos señoriais por uns 6 millóns de marabedís. A modo de compensación, o mosteiro recibiría 19.200 marabedís das alcabalas que cobraba a Coroa na cidade de Ourense.

Non só os beneficios económicos eran menores, tamén se perdía o poder sobre as xentes. 
Os monxes de Celanova non quedaron contentos nin coa incautación nin coa permuta. Intentaron, primeiro, que o procurador do conde non tomara posesión dos vasalos, alentándoos a rebelarse, e despois negáronse a recibir aos funcionarios do rei durante catro anos. Finalmente, para non perdelo todo, aceptaron os cartos, mais con “protesta de cobrar y recobrar lo que se le quitava”. O historiador Cid Rumbao conta o episodio da seguinte forma:  

“En la primavera de 1555 el alcalde de Orense Fernán Pérez y el escribano Juan Fernández, se presentaron en Celanova para dar cumplimiento a la separación de las jurisdicciones afectadas. Las puertas del monasterio estaban atrancadas. A los golpes de llamada se asomaron a una ventana dos monjes para decir que el Abad estaba ausente y cerraron enseguida para no oír la notificación”.
A veces, a realidade supera á mellor ficción.

Te puede interesar