POLÍTICA LOCAL

Cartelle acomete unha nova etapa co relevo na súa alcaldía

ssss

Carmen Leyte e Jaime Sousa levan traballando xuntos no Concello desde hai máis de 26 anos

Desenvolver a fundación Carlos Velo, así como manter e aumentar as infraestructuras e servizos cos que actualmente conta Cartelle son os principais retos de futuro ós que se enfronta o concello. Niso coinciden tanto a alcaldesa saínte, Carmen Leyte -que este luns se despediu nun "emotivo pleno"-, como o futuro rexedor do municipio, Jaime Sousa, que tomará posesión o día 5 de xuño. Ámbolos dous levan máis 26 anos traballando man a man con estas premisas.

Carmen Leyte acadou a alcaldía de Cartelle en 1991 liderando un equipo de seis concelleiros que gobernou en minoría. Esta situación non volveu darse ata hoxe, pois nos seguintes seis mandatos obtiveron maiorías absolutas. "Daquela ganámoslle a un gran alcalde e iso debémosllo a Carmen", lembra o futuro rexedor que en 1987 formou parte dunha lista independente.

Carmen Leyte continuará como concelleira nun lugar no que ela, viguesa de raíces, elixiu vivir con só 26 anos, idade coa que chegou como doutora a Cartelle. Aínda que continuará na corporación, a vida política de Leyte está hoxe e máis enfocada no Senado, onde ocupa un escaño dende 2008 e forma parte de varias comisións que requiren boa parte da súa dedicación pública.

Leyte_resultCarmen Leyte: “Cartelle conta con instalacións que son propias dunha vila"

Que balance fai dos seus 26 anos na alcaldía?

Foi moi positivo. O Cartelle que coñecemos daquela non ten nada que ver co que hai hoxe. Hai estradas novas e contamos con tódalas instalacións que pode ter unha vila. Por suposto sempre me gustaría ter feito algo máis pero estamos moi satisfeitos co noso traballo.

Que retos se lle presentan a Cartelle no futuro?

Creo que son os mesmos ós que se enfronta toda a Galicia interior: a despoboación e o problema demográfico. É un problema xeralizado que non creo que poida solucionar un só concello ou incluso unha provincia. Pero Cartelle é unha terra con posibilidades, ten paisaxe e moito potencial.

Con que sensacións deixa o posto?

O meu agradecemento é para as institucións que nos axudaron, o meu equipo político, a oposición e, sobre todo, ós veciñosporque cheguei a onde estou gracias a eles. Seguirei a disposición de tódos porque penso seguir vivindo en Cartelle e traballando como concelleira.

Non ten raíces familiares en Cartelle, pero escolleuno como terra adoptiva.

Cando un elixe unha terra é porque lle gusta. Cheguei con 26 anos e puiden ter pedido o traslado, pero decidín quedar porque tamén aquí naceron os meus fillos. Dende nena tiven vontade de servir ós demais, por iso estudiei Medicina. E quixen exercela no medio rural porque prefería coñecer o entorno onde vivían os meus pacientes.

Deixa a alcaldía con algunha espiniña?

Gustaríame ter o proxecto da fundación e a restauración da casa de Carlos Velo máis avanzada pero é un camiño que xa iniciado. Tamén me gustaría que tiveramos sido capaces de xerado máis emprendemento na zona para que a xente nova puidera quedar.

Jaime Sousa: “A miña misión é non abandonar á xente e conservar os servizos"

¿Cales son os principais retos que afronta?
Carmen tiña a ilusión de sacar adiante a fundación Carlos Velo, que xa está dando os seus primeiros pasos. A miña misión principal é non abandonar á xente, seguir atendendo as súas peticións e conservar os servizos. Estamos abertos a tódalas actividades que nos presentan e tratamos de axudar sempre ós veciños na medida das nosas posibilidades.

Cales son os principais retos para vostede?

Seguirei traballando como ata agora porque eu nunca esquezo os meus principios e de onde veño. Eu creo nas persoas, nos equipos e a proba é que despois de 26 anos mantémonos boa parte da corporación. Para min foi unha satisfacción moi grande sacar adiante o proxecto de cabalos do Mundil.

Un dos motivos da dimisión de Carmen Leyte foi o seu cargo no Senado e a sobrecarga de traballo para os dous.

Para min poder ser profeta na miña terra é o máximo. Politicamente eu non quero nada máis. Mentres me apoien, seguirei traballando no meu concello e polos meus veciños como ata agora. Aquí todo o mundo ten o meu teléfono e saben que sempre estou disponible para eles. Carmen queda no equipo de goberno e eu estou encantado de que poidamos seguir traballando xuntos.

Como están vivindo os veciños este cambio?

Case non se fala do tema e iso é bo. Hai normalidade total. Estes días entre risas preguntábanme tomando café como se tiñan que dirixir agora a min, pero eu digo que podo seguir sendo o tenente alcalde porque Carmen vai ser sempre a miña alcaldesa. Para min é un pracer traballar con ela. A nivel persoal é unha muller de paz coa que é imposible levarse mal. Por iso eu nunca me sentín incómodo para nada coa situación na que estabamos.

Te puede interesar