FESTIVIDADE

Cartelle amosou a súa paixón polos cabalos

Alumnos da escola do Mundil celebraron o XX aniversario da festa do cabalo co espectáculo "fantasía ecuestre"

A Festa do Cabalo de Cartelle acadou con esta edición os 20 anos de idade e a festa de celebración estivo á altura desta efeméride. As gradas do centro ecuestre O Mundil quedaron pequenas para os centos de persoas que se achegaron a admirar as destrezas dos alumnos da escola hípica. Grandes e pequenos compartiron a súa paixón pola cultura equina durante o tradicional xantar popular celebrado no recinto. 

Xa pola tarde e aproveitando ó máximo os espazos en sombra para fuxir da calor, tódolos visitantes buscaron asento para asistir ó espectáculo Fantasía Ecuestre, precedido por un concerto da banda de gaitas municipal Nova Fronteira, que fixeron un repaso do repertorio clásico do folclore popular. Medio cento de persoas e 30 cabalos de pura raza galega tomaron a pista para amosar os froitos do adestramento do curso. 

Ó son da música en directo, os cabalos participantes foron respondendo ás ordes dos seus donos. Dende cambios de ritmo ata unha postura bípeda, pasando por que os cabalos se deitaran sen deixar caer ó adestrador, foron só algunhas das diferentes destrezas amosadas por espectaculares exemplares desta especie. 

Carruaxe do 1800
Pero o espectáculo no Mundil non estivo só na pista, senón que o grupo de participantes percorreu os metros que separan as cadras do recinto de actuación liderados por unha carruaxe do ano 1800 que, polas súas características históricas, ten participado en diferentes rodaxes cinematográficas.

Te puede interesar