crónica

Catro décadas dando a nota

coral solpor
photo_camera Compoñentes actuais da coral Solpor durante o ensaio desta pasada fin de semana.
A coral Solpor de Celanova cumpre 40 anos de afinación e recordos e, para celebralo, convidan a tódolos veciños a participar nunha comida de lembranzas e música no Claustro Barroco o vindeiro domingo

En agosto de 1979, a Coral Solpor de Celanova facía o seu debut. Dirixidos por Alfredo Salvatierra e promovidos polos irmáns párrocos Manuel e César Iglesias, medio cento de veciños da vila colocábanse por primeira vez en formación para musicar a misa de San Roque. Daqueles 50 compoñentes, son seis os que hoxe continúan acudindo relixiosamente cada semana ós ensaios e ás actuacións que durante o ano van realizando. Un deles é Sindo Esperanza, membro da directiva da agrupación. Tamén a súa irmá, Elisa Esperanza, e Jesús Casal son dos máis veteranos e lembran, entre dúbidas polos detalles, as historias que ó longo destas catro décadas foron enchendo a Coral Solpor de vida. 

"Ó principio os homes non tiñan chaquetas, unha vez fomos cantar a Santiago e vimos a todos tan traxeados que empezamos a dicir que non nos apetecía poñelas", lembra Jesús. "Pareciamos camareros", apunta Sindo.

"As mulleres fomos comprar unhas camisas cun laciño no pescozo e fixen eu tódalas faldas", sinala Elisa

Anécdotas coma esa, nas que a convivencia vai dándolle forma a situacións que se converten en lembranzas, teñen moitas. As propias de 40 anos de ensaios, viaxes e actuacións entre veciños. Moitos dos que foron xa non están e outros foron abandoando a coral por cuestións alleas a ela. Pero outros máis foron entrando e renovando as voces. 

Para festexar que a Coral Solpor chega á corentena nun bo estado de saúde, os seus compoñentes teñen organizado un cumpreanos á altura. Será o vindeiro domingo, día 18, e consistirá nun xantar no Claustro Barroco. Pero non queren celebralo sós, senón compartindo cos veciños de Celanova todos estes anos de apoio á agrupación. Por iso, a celebración é aberta a quen queira participar poñéndose en contacto coa directiva e aboando o importe do prato. Como boa festa, non han faltar unhas cantigas de conmemoración.


Unha viaxe que os levou ata Venezuela


Como 40 anos dan para moito, a Coral Solpor ten ás súas costas centos de actuacións por toda Galicia e o norte de Portugal. Salienta no seu palmarés coral solporunha viaxe que realizaron a Venezuela no ano 1995 para participar en actos da Hermandad Gallega de Caracas. Son moitas as historias que aínda hoxe lembran daquelas actuacións, que os tiveron varios días coñecendo o país caribeño e rencontrándose con veciños que emigraron hai 40 anos e máis. Naquel momento era director Arsenio Alonso, que estivo 27 anos á fronte da agrupación. "Entre 1995 e 2010 foi a nosa mellor época". Hoxe a batuta lévaa a súa filla, Mery Alonso, pero antes ca ela pasaron Alejandro del Río e Bieito Blanco. Un total de cinco directores son os que se teñen posto ó mando da coral Solpor nestes anos pero é a Arsenio a quen lembran con máis intensidade, pois "estivo máis da metade dos anos con nós". 

Catro voces mixtas e un repertorio baseado na música tradicional galega, renacentista, barroca, sacra, relixiosa, habaneras ou panxoliñas son a esencia do grupo, que hoxe acada os 27 compoñentes. Hai 15 anos, celebraron as vodas de prata coa creación do Festival de Boleros, un evento que aínda hoxe se mantén e que cada verán reúne a centos de persoas fieis ás actuacións dos seus veciños. Agora, están a piques de sumar outra marca no seu historial. Este luns subirán ó escenario do Claustro Barroco para actuar xunto ó gaiteiro Carlos Núñez e interpretar "María Soliña", baseada nun poema de Celso Emilio Ferreiro. 

Te puede interesar