Catro partidos aspiran a gobernar Celanova reforzando o comercio, o turismo e o rural

iglesia de San Rosendo (Celanova)
photo_camera iglesia de San Rosendo (Celanova)
Catro candidatos preséntanse para acadar a alcaldía de Celanova o vindeiro  28M e mellorar os resultados de 2019.  Nestes catro anos gobernaron, en minoría, CD e PSOE.

Que valoración fai destes catro anos de mandato municipal?

Cales son as prioridades ou necesidades que presenta actualmente o municipio?

Como afronta o escenario para este 28M? están abertos a pactar con outras forzas políticas?

Que obxectivos se marca para os vindeiros catro anos?

Pablo Pérez, del PP

Pablo Pérez, del PP
Pablo Pérez, del PP
  1. Unha valoración negativa. Un Bluff!! Unha inmensa oportunidade perdida. Ausencia de capacidade de captar fondos doutras administracións. A liberalización dos aforros dos concellos pola covid, foi unha gran oportunidade e Celanova era un concello con moitos aforros… Neste último ano gastouse  2 millóns destes aforros en actuacións inconexas, sen un proxecto claro e definido. O rural non se acordou del, as pistas dan pena e en moitos casos, as limpan os veciños. A deixadez é tremenda.
  2. Un plan urbanístico moi ambicioso e sen intereses, a ampliación do polígono, a renovación e actualización da vila e dos núcleos rurais cun plan de vivenda, de infraestruturas e un programa de actividades estable e para todos, ampliación da oferta deportiva, un proxecto cultural e turístico que permita dinamizar o municipio... Nós temos claro a Celanova que queremos e as actuacións precisas no noso programa “Celanova 129”. Impulsaremos a autovía a Portugal. Reformularemos a peatonalización, facéndoa estacional e racional, e combinada cun plan de dinamización comercial. Crearemos unha concellería de medio rural e outra de participación cidadá. 
  3. Con optimismo e ilusión. Somos conscientes da dificultade, pero tamén que temos unha oportunidade única e eso a xente o vai a valorar. Podemos converxer nun mismo momento goberno municipal, provincial, autonómico e nacional en varios meses, por xente cercana a min… Chego con oito anos de experiencia, cunha bagaxe que porei ao servizo de Celanova.  Estamos dispostos a pactar con Celanova e a facer todo o que sexa necesario para mellorar Celanova. Valoro moito que a xente dea a cara para ir nunhas listas. Somos todos veciños. A premisa é mellorar Celanova.
  4. Poñer a Celanova no lugar que se merece. Porque merece máis, é máis. Ten que ser un concello atractivo para vir, vivir e investir. Ese é o noso obxetivo! 

Antonio Puga, de CD

Antonio Puga, de CD
Antonio Puga, de CD
  1. Sentímonos moi orgullosos do traballo realizado e sacado adiante con moito esforzo, responsabilidade e adicación despois de catro anos, e cunha pandemia de por medio. A valoración é moi positiva polo traballo desempeñado e as actuacións realizadas, tanto con fondos propios do Concello, como de subvencións recibidas por parte das outras administración.
  2. Nestes dous anos tras a pandemia do covid traballamos para dar continuidade aos traballos e actuacións de mellora do abastecemento e saneamento, acondicionar e ampliar os espazos verdes e os parques infantís, a colaboración continuada coas asociacións do concello potenciando os eventos, co apoio á hostalería e ao comercio local.
  3. Pedimos a confianza e o respaldo dos nosos veciños para seguir desenrolando o noso proxecto. Coa experiencia que nos deron estes catro anos e coa mesma ilusión e forza para poder rematar o que xa empezamos, e seguir contribuíndo para que a nosa vila siga sendo  un referente da provincia.
  4. Continuar no traballo desenrolado durante estes catro anos, nos que se apostou por traballar para mellorar a calidade de vida dos veciños, levando a cabo melloras e o acondicionamento dos servizos no rural e co fomento do turismo. Queremos levar a cabo a ampliación do polígono industrial, seguir recuperando os espazos do mosteiro para fins turísticos, acometer a ampliación das instalacións municipais deportivas e de lecer, e tamén darlle continuidade ao proxecto de humanización e embelecemento da vila. Crearemos unha brigada durante todo o ano para a limpeza e a xestión de biomasa. E pelexaremos  pola continuidade da autovía AG-31 ata Portugal e pola declaración xacobea do Camiño de San Rosendo.

Teresa Barge, del PSOE

Teresa Barge, del PSOE
Teresa Barge, del PSOE
  1. Non sendo nin técnica de Igualdade nin Traballadora social, a valoración do traballo nas miñas concellerías é moi positivo, aínda que insuficiente para todo o que precisa Celanova. Destacar o traballo pola conciliación, a aprobación do segundo plan municipal de igualdade, a grande cantidade de cursos e formación, en especial para mulleres desempregadas, e a colaboración cos centros formativos. Tamén a axuda encamiñada a emigración, en colaboración cos servizos sociais da Mancomunidade. A parte das miñas competencias, dende o meu grupo fomos quen de acadar o financiamento para a execución do sendeiro de Sampil e a segunda fase de Mandrás.
  2. Na vila urxente revisión da mobilidade a causa do descontento de gran parte da veciñanza e inicio de proxectos ordenados para todos e todas. Na mobilidade, é imprescindible repensar o que se fixo, polo menos escoitar á xente. Darlle solución aos aparcadoiros dos autobuses e vehículo pesados, non pode ser que estean espallados na avenida San Rosendo e outros puntos da vila, é perigoso, obstaculiza e fai difícil a mobilidade. A atención aos pobos é nula. Están totalmente abandonados, é necesaria unha limpeza periódica e constante, hai pobos sen auga potable, sen saneamentos.  
  3. O noso proxecto sae a traballar e ganar.
  4. Loitar por un plan de traballo ordenado, cohesionado e consensuado, imprescindible para a consecución de obxectivos. A xuventude, a mobilidade, os pobos están abandonados. A promoción turística pasa por darlle unha volta ao Mosteiro. Un plan xeral que permita abrir algunha rúa. Temos que apostar por unha oferta formativa ampla, incidindo na xuventude, pero tamén abrindo o abanico para o resto da xente. O proxecto de Ponte Grande vai saír adiante. En relación co deporte, hai vida máis aló do fútbol.

Leopoldo Rodríguez, del BNG

Leopoldo Rodríguez, del BNG
Leopoldo Rodríguez, del BNG
  1. O goberno CD+PSOE empeorou a situación no social, no económico e no institucional. Foi un fracaso e unha decepción. Foi un desgoberno protagonizado por un alcalde sen ideas políticas nin sentido da responsabilidade ningún e que terminou sendo unha marioneta dos poderes de sempre. Inventaron unha marca para se perpetuar no poder e a marca está tan danada que agora xa nin sequera tapan a pelexa entre eles. Foi o triste epílogo de 25 anos do poder caciquíl da dereita máis reaccionaria.
  2. As prioridades da vila e do rural son as mesmas: termos un goberno solvente, que traballe, que leve a iniciativa e que escoite á xente e que lidere, sempre a carón das veciñas. Celanova é unha cabeceira de comarca rural, con potencialidades enormes no sector primario e tamén grazas ao seu rico patrimonio histórico e monumental. Hai que traballar en todos os ámbitos. Nós temos esa capacidade e esa bagaxe, os exemplos de gobernos do BNG están aí.
  3. A xente que non quere que muden as cousas fará todo o posíblel  para que non haxa goberno do BNG. Temos a capacidade, a ilusión e o compromiso máis que demostrado para gobernar Celanova. En Celanova non hai máis alternativa que esta: ou seguen os de sempre ou entra o BNG para cambiar o rumbo. En Celanova as eleccións poñen a proba se a xente ten a forza para un cambio que, a todas luces, é imprescindíbel ou se os caciques son quen de impedir ese cambio. O BNG non se corrompe, combate o caciquismo, non pacta con eles. 
  4. O obxectivo é chegar ao goberno para mudar Celanova desde aí. Os obxectivos dese goberno do BNG están expresados no noso programa. Se me pregunta polo compromiso para os próximos catro anos, ninguén ten dúbida a estas alturas: o BNG sempre traballa moito para mudar as cousas para mellor. E temos pelexado moito e conseguido moito e seguirémolo facendo.

Te puede interesar