celanova

Celanova terá tres dedicacións parciais e ningunha exclusiva

pleno de organización da corporación celanovesa.
photo_camera Un instante do pleno de organización da corporación celanovesa.

O pleno de organización da corporación viviu un intenso debate entre os grupos do PP e o BNG

O goberno local de Celanova contará con tres dedicacións parciais e ningunha exclusiva, tal como quedou acordado no pleno de organización da corporación celebrado este mércores, cando se cumpren case cuatro semanas dende a sesión de constitución e da elección do alcalde. Deste xeito, o rexedor, Antonio Puga, contará cunha dedicación do 75%, o que se traduce nun salario bruto anual de 35.800 euros. As outras dúas, do 60% cada unha, corresponderán a Sandra Feijóo e á socialista Teresa Barge. Ámbalas dúas percibirán 28.655 euros brutos ó ano. Puga asegurou que "aínda que a retribución non sexa do 100% non significa que a dedicación non vaia ser do 100%".

O importe das dedicacións foi comentado polo voceiro do grupo popular, José Luis Ferro, aplaudindo a decisión de "non caer na demagoxia nin no populismo de pensar que o mellor político é o que non cobra". Trala polémica orixinada en 2015, cando Ferro establecera o soldo do alcalde en dedicación exclusiva en 45.000 euros. "Alégrame que proporcionalmente vaia cobrar exactamente igual ca min". Dende Celanova Decide explicaron que as retribucións foron adxudicadas para "marcar a diferencia co pasado", así como para "diminuír o gasto". 

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Leopoldo Rodríguez, considerou a rebaixa no gasto da corporación "tímidae pouco atrevida" e animou ó alcalde a "tomar medidas eficaces para evitar os gastos supérfluos". Este aforro non é tal para o grupo do PP ó entender que a rebaixa no gasto de persoal se compensará coa creación de dúas novas comisións informativas. Deste xeito. ademais da Comisión especial de Contas, establécense outras catro e aumentan o número de membros, algo motivado "polo aumento dos grupos políticos", segundo explicou o voceiro de Celanova Decide, Javier Fernández Pulido. 

O punto que máis debate provocou foi a elección do nacionalista Leopoldo Rodríguez como representante do Concello na Mancomunidade Terra de Celanova, un anuncio que provocou un cruce de acusacións entre os voceiros de PP e BNG que se prolongou ó longo de todo o pleno. Rodríguez dirixiuse a Ferro para "lembrarlle que xa non é vostede o alcalde" ó tempo que o popular se remitía ó mesmo pleno de organización de 2015 e aludindo ó feito de que Leopoldo Rodríguez non forme parte do grupo de goberno.


Un goberno con cinco concellerías


O grupo de goberno municipal de Celanova quedou constituído nun total de cinco concellerías, máis as competencias propias da alcaldía. O tamén voceiro de Celanova Decide será o encargado das áreas de Economía e Facenda, Emprego, Educación, Xuventude e Deportes, Mercados, Consumo e Comercio, ademais de quedar nomeado como primeiro tentente alcalde. As áreas de Medios de Comunicación, Cinematografía, Festexos e Turismo corresponderán a Manuel Nogueiras, mentres que Sandra Feijóo será a titular de Urbanismo, Medio Ambiente, Medio Rural, Vivenda, Servizos Sociais e Sanidade.

Completan o grupo de goberno os dous concelleiros socialistas que levarán os departamentos de Agricultura e Gandería, Conservación e mantemento de vehículos, Limpeza e conservación de ríos e cauces pluviais,Obras,Servizos e Instalacións no caso de Julio Vázquez, mentres que lle corresponden a Teresa Barge as áreas de Novas tecnoloxías, Participación Cidadá, Promoción empresarial, Mobilidade, Igualdade e Integración Social. Do mesmo xeito, quedou establecida a celebración dos plenos o último mércores de cada mes ás 19.30 horas, horario solicitado polo BNG.

Te puede interesar