CELANOVA

Un certame potencia o legado musical de Celso Emilio Ferreiro

Á convocatoria, que permanecerá aberta ata o 1 de novembro do 2018, poderán presentarse obras con música de creación orixinal que haxan sido publicadas ou postas á disposición do público entre o 30 de outubro do 2016 e o 30 de outubro do 2018.

A Fundación Celso Emilio Ferreiro vén de convocar a segunda edición do premio bianual "Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados", co obxectivo de premiar a mellor canción con música orixinal e textos do autor de "Longa noite de pedra. "A Fundación entende que a expresión musical cumpre unha función clave no fomento e difusión da expresión poética en xeral e, nomeadamente, na divulgación do legado poético de Celso Emilio", subliñaban dende a entidade presidida por Luis Ferreiro, ao tempo que destacan que a obra poética do autor celanovés foi reiteradamente musicada nunha múltiple variedade de estilos ao longo dos últimos 50 anos.

Á convocatoria, que permanecerá aberta ata o 1 de novembro do 2018, poderán presentarse obras con música de creación orixinal que haxan sido publicadas ou postas á disposición do público entre o 30 de outubro do 2016 e o 30 de outubro do 2018.


Premio de 3.000 euros


Un xurado valorará a orixinalidade do poema escollido, a música proposta e o traballo artístico dos participantes, establecendo un único premio de 3.000 euros para a persoa gañadora do certame. Así mesmo, faráselle entrega  dunha peza  de bronce que contén as ferramentas propias do apelido Ferreiro, obra da artista Alicia Ribas.

Te puede interesar