Chega á Praza Maior de Celanova a exposición sobre “Nós”

VERÍN 18/03/2021.- Presentación de la exposición Nós en Verín. José Paz
photo_camera Os cubos da exposición Nós en Verín. (Foto: José Paz)
A xornalista Maribel Outeiriño é a comisaria da mostra que se poderá visitar na vila desde este martes ata o 1 de maio

A Praza Maior de Celanova acollerá, dende hoxe e ata o vindeiro 1 de maio, a exposición "Nós naceu en Ourense hai 100 anos 1920/2020". A vila de San Rosendo, berce de Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Castor Elíces, recibe así a mostra itinerante organizada con motivo do centenario da revista na cal deixaron a súa pegada don Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Antón Losada Diegez, o seu ideólogo.

A xornalista ourensá Maribel Outeiriño é a comisaria da mostra que se presentará hoxe pola mañá, a partir das 13,00 horas, no salón de plenos celanovés, ubicado no primeiro piso do consistorio. Ao rematar o acto, no cal está confirmada a participación da comisaria da exposición e do alcalde celanovés Antonio Puga Rodríguez, levarase a cabo unha visita guiada polos nove cubos deseñados por Xurxo Baca e que onte pola tarde terminaron de instalar os operarios no epicentro do casco urbán celanovés.

A exposición, que arranca coa primeira portada da revista diseñada por Castelao, fai un interesante percorrido a través dos textos e fotografías dos seus protagonistas, na súa grande maioría ourensáns. A publicación, que é un dos referentes para a cultura galega do século XX, viu a luz un 30 de outubro de 1920. Os quince primeiros números saíron da imprenta de La Región.

"Nós naceu en Ourense hai 100 anos" está organizado por La Región, co patrocino da Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e Coren. Tras iniciar a súa andadura na céntrica rúa do Paseo de Ourense, a mostra xa recorreu  as principais vilas da provincia de Ourense, dende Allariz ata Verín, pasando por O Barco, O Carballiño, Barbadás, Ribadavia ou Xinzo de Limia.

Te puede interesar