cultura

O colectivo Rebulir inicia unha xira por Cantabria

rebulir
photo_camera Membros de Rebulir durante unha das súas últimas actuacións.
En total 35 persoas desprazaranse ata terras cántabras "representando a Galicia, Ourense e Ramirás" para "poñer de manifesto a riqueza das nosas tradicións"

O grupo de cultura tradicional Rebulir vén de iniciar unha xira que os levará por diferentes rincóns da xeografía cántabra. Santander ou Torrelavega son algúns dos lugares ós que o colectivo de Ramirás levará o folclore galego dentro do XXXI Muestra Internacional de Folclore, na que participarán tamén agrupacións de danza de Chile, Rusia, México, Perú ou Serbia.

Dentro dos actos nos que Rebulir terá presencia, salienta a súa actuación no centenario do Centro Galego de Santander, o mércores, día 14. Os membros do conxunto serán recibidos na Casa de Galicia de Cantabria e terán tamén oportunidade de actuar no concello. Serán en total 35 persoas as que se despracen ata terras cántabras "representando a Galicia, Ourense e Ramirás por escenarios alén das nosas fronteiras poñendo de manifesto a riqueza das nosas tradicións". A xira é un dos múltiples compromisos adquiridos polo conxunto, que cada ano aumenta o número de participacións en festivais de todo o mundo.

Te puede interesar