O colexio de Cartelle busca seguir medrando en alumnado

O centro rematou a renovación das aulas de primaria e recentemente mellorou a de infantil e a biblioteca 

O colexio de Educación Infantil e Primaria CEIP San Marcos de Cartelle conta con 31 alumnos e busca aumentar o alumnado para o próximo curso 2021/2022, cos argumentos de ser un centro seguro e pequeno, no que as precaucións contra a pandemia se levan mellor.

Logo duns anos de perda de alumnado (dos 48 cativos matriculados no curso 14/15 baixaron ata os 28 do 2019/2020), no centro no que actualmente estudan 31 rapaces e rapazas xa notan o aumento de matrícula de familias que regresan a Cartelle dende outras partes de España. Fai uns meses o concello foi noticia ao rexistrar o primeiro incremento do padrón en 20 anos (dos 2.643 habitantes no 2019 aos 2.710 con data de novembro de 2020).

Dende a dirección do centro subliñan que nas clases hai de media 11 alumnos e as súas aulas de primaria acaban de renovarse, o que unido a recente reforma da aula de infantil e da biblioteca, fan que sexa un centro "moi acolledor". Dispoñen ademáis dun enorme patio con horto, zona de xogos para infantil e un servizo de comedor con comida elaborada con ingredientes ecolóxicos e de proximidade. O prazo de matrícula para o vindeiro curso estará aberto ata o 22 de marzo.

Te puede interesar