La Región

CRÓNICA

Como funciona un Concello?

Un grupo de alumnos do colexio Curros Enríquez visitou a casa consistorial para coñecer o funcionamento da vida municipal. No salón de plenos resolveron as súas dúbidas sobre o día a día da política local.

O alcalde recibiunos no salón de plenos.
O alcalde recibiunos no salón de plenos.
Como funciona un Concello?

É difícil non ver a Casa do Concello cando un pasea polo centro da vila, sobre todo tendo en conta a súa posición privilexiada presidindo a Praza Maior. Nela, son moitos os nenos que a diario corren, brincan e xogan sen reparar en que ás súas costas se erixe o lugar onde se toman as decisións que lle afectan ó seu entorno máis próximo. Por iso, un grupo de alumnos de 2º de Primaria do CEIP Curros Enríquez de Celanova fixo este luns unha excursión ata este senlleiro edificio. Ben seguro que moitos tiñan chegado ata a súa porta perseguindo algún balón fuxitivo, pero este luns traspasaron ese limiar para coñecer o día a día da casa consistorial.

Recibidos polo alcalde, José Luís Ferro, no salón de plenos, escoitaron atentamente as explicacións sobre os órganos que rexen a vida municipal. "Neste salón é onde se deciden as cousas importantes", explicáballes Ferro, "despois está a xunta de goberno e a última pata é para o alcalde". De primeiras, os pequenos non se amosaban moi convencidos do asunto e un dos alumnos abriu a veda das preguntas cuestionando porque o alcalde contaba tan pouco poder e os outros contaban tanto. Os pequenos terminaron a visita percorrendo a Capela de San Miguel.

Comezaron a levantarse as mans, cada unha cunha curiosidade distinta pero moi oportuna para coñecer os segredos do devir dun Concello. "Que é un orzamento?" preguntaba un cativo dende a última fila. "Ó igual que nunha casa, é o diñeiro que ten o Concello para facer as cousas", precisou Ferro mentres o pequeno asentía por ter desvelado esa palabra tan complexa e simple ó mesmo tempo.

"Se o alcalde só pode decidir cousas pequenas, que pasa se deciden cousas grandes?". Neste punto o rexedor celanovés tivo que falar dos feitos que teñen levado a moitos políticos a pasar máis horas no xulgado que no seu cargo. "Cando o alcalde quere facer un gasto grande, o secretario avísao de que non pode e, se o fai igual, sabedes que pasa? Que o alcalde pode ir ó carcere, como lle pasou a moitos políticos". A palabra cárcere animou a curiosidade dos pequenos visitantes que insistiron en descubrir "cantos políticos hai presos". Con isto, os alumnos do colexio celanovés non só coñeceron o funcionamento da vida pública, senón que tamén foron conscientes da responsabilidade que teñen aqueles que mandan e que manexan os cartos de todos.

Deste xeito foi transcorrendo o turno de dúbidas, pero o certo é que tampouco tiveron moitas. Animados polas profesoras a seguir solventando calquera consulta non resolta, un deles sentenciou: "é que xa está todo explicado". Quizais foi o seu xeito de pedir que continuase o percorrido polos corredores do Concello. Do salón de plenos partiron cara á Capela de San Miguel, onde tiveron oportunidade de coñecer o efecto lumínico provocado polo equinoccio, un dos fenómenos máis curiosos da vila.