EDUCACIÓN

Curros Enríquez congrega a estudantes de toda Galicia

convivencia_curros_result
photo_camera Os rapaces participantes na xornada de convivencia pousan na praza Maior de Celanova.

Alumnos de colexios de Celanova, Ourense, Pontevedra e A Coruña compartiron unha xornada

O lugar onde nace un poeta adoita marcar en grande medida o desenvolvemento da súa obra e o caso de Manuel Curros Enríquez non é unha excepción. O feito de terse convertido nun dos maiores referentes da literatura galega fixo que o seu nome fose resultando recorrente ó longo da historia moderna tanto para identificar rúas como centros educativos. Hoxe, son catro as fachadas de colexios de Galicia nas que figura o nome do escritor: en Celanova, Ourense, A Coruña e Pazos de Borbén (Pontevedra). 

Un ano máis, e xa van oito, alumnos chegados das tres primeiras localidades tiveron ocasión de participar nunha xornada de convivencia para lembrar á figura que lle dá nome ós seus centros educativos. Un total de 130 escolares encheron xa de boa mañá a Praza Maior para posteriormente percorrer os puntos máis singulares da zona. "O noso obxectivo é xuntar ós centros tendo como referencia a Celanova e a Curros Enríquez", explica Paula Conde dende a fundación que leva o nome do autor. 

A pesar de que a iniciativa está pensada para achegarse máis á súa figura, "moitos xa veñen sabendo algunha cousa sobre el; na Coruña, por exemplo, danlle moita importancia a que os alumnos saiban quen lle dá nome ó colexio". De feito, o compromiso do centro coruñés é tal que algúns dos mestres que asistiron en edicións pasadas e que hoxe gozan xa da xubilación continúan viaxando ata Celanova para esta xornada. 

O actual director do colexio, Antonio Leonardo, asegura ademais que se trata dunha excursión "moi demandada entre os alumnos e incluso a principio de curso xa comezan a preguntarme se este ano tamén imos vir a Celanova". Para el, trátase dunha "convivencia bonita e, aínda que sexa só un día, os estudantes confraternizan moito e incluso despois manteñen o contacto entre eles".

Ademais de compartir diversión, os participantes asistiron a un concerto didáctico de órgano, coñeceron o Mosteiro de San Salvador, a capela de San Miguel, a Casa dos Poetas -lugar natal de Curros-, Vilanova e Castromao. Como novidades deste ano, os alumnos puideron visitar a bibilioteca do instituto e, dentro do mosteiro, subiron á Torre das Campás. Segundo explica Paula Conde, estes foron os dous momentos que máis gozaron os pequenos, así coma os xogos durante o xantar no Claustro Barroco.

Te puede interesar