Curros Enríquez volta a casa

20190816190029105_resultado
photo_camera Antonio Puga, Antonio Piñeiro, Carlos Núñez e Carlos Núñez pai, durante a entrega da imaxe.
O pai de Carlos Núñez fíxolle entrega dunha fotografía inédita do poeta celanovés que levaba décadas na súa familia á fundación Curros Enríquez durante o concerto do gaiteiro o pasado luns en Celanova.

Aqueles que acudiron o pasado luns ó concerto que Carlos Núñez ofreceu en Celanova non só foron testemuña do virtuosismo do gaiteiro senón tamén do curioso que pode resultar o xogo das casualidades. Casualidades que foron entrelazándose dende 1901 e que pecharon o seu ciclo o 12 de agosto de 2019. 

Albino Núñez naceu na Mezquita (A Merca) no ano que marcou o inicio do século XX, a poucos kilómetros da casa natal de Manuel Curros Enríquez. A pedagoxía, que comezou a exercer na parroquia celanovesa de Amoroce, foi a súa gran paixón vital, mesmo cando os tempos se puxeron complicados e tivo que refuxiarse na Merca para evitar ser detido polos seus ideais republicanos. Dentro deses ideais figuraba tamén a súa admiración por Curros, de quen dicía que fora "o galego que alcanzara a plenitude expresiva, na que sempre se podía adiviñar un canto á liberdade". Así o lembra o seu fillo, Carlos Núñez, á súa vez, pai do gaiteiro. 

Antes de que todo isto acontecera, Curros Enríquez pasou os seus últimos días na Habana. Tal foi a súa importancia entre a comunidade emigrante que un retrato seu adornaba unha das paredes do Centro Galego da capital cubana. Dalgún xeito, trala chorada morte do poeta, alguén tomou aquela fotografía e decidiu traela de volta a Galicia. Posiblemente fora cousa do músico José Castro "Chané", amigo do autor celanovés e encargado, entre outras moitas cousas, de musicar versos tan coñecidos como "Unha noite na eira do trigo". 

Neste punto da historia comezan as incógnitas ata que, chegada a II República, alguén lle fai entrega desa fotografía a Albino Núñez. "Ignoro quen lla entregou", apunta o seu fillo. En calquera caso, foi así como esta inédita imaxe de Curros Enríquez entrou na familia Núñez. 

O ríxido semblante do poeta do Rexurdimento estivo agochado despois de que se dera orde de queimar o contido social de Curros pola súa enemistade declarada con institucións tan poderosas da época como a Igrexa. A volta de Albino Núñez ó ensino en Ourense supuxo tamén a volta do cadro do poeta. O propio Carlos Núñez conservouna no seu despacho de deseño en Vigo ata a súa xubilación. 

Queda aínda unha casualidade por acontecer para que o ciclo se peche. Hai algo máis dunha década, Carlos Núñez, o gaiteiro, entablou relación con Celanova, a onde chegou buscando o legado do seu bisavó. Do mesmo xeito o fixo o seu pai. 

A xira "Lugares máxicos" tróuxoo de volta á vila o pasado luns e Carlos Núñez pai considerou que era a ocasión ideal para que Curros Enríquez voltase á súa casa. Por iso, pola metade do concerto, tomou a palabra para sinalar que "o lugar idóneo para a conservación" do cadro era Celanova e, por iso, "é un honor entregarllo" á Fundación Curros Enríquez. Aí permanecerá agora gracias a ese curioso xogo das casualidades.

Te puede interesar