cultura

Curros volve realizar a famosa ofrenda a Rosalía

Recreación da famosa imaxe de Curros Enríquez.
photo_camera Recreación da famosa imaxe de Curros Enríquez.

A Fundación Curros Enríquez participou nun acto de homenaxe á autora no Panteón de Galegos Ilustres

Curros Enríquez voltou esta semana ó Panteón de Galegos Ilustres para volver realizar a famosa ofrenda floral ante a tumba de Rosalía de Castro. De xeito figurado, o colaborador das visitas teatralizadas ó Mosteiro de Celanova José Ramón Nóvoa, foi o encargado de poñerse na pel do poeta celanovés para recrear a imaxe tomada o 24 de setembro de 1904 na igrexa de San Domingos de Bonaval, onde se ubica o sepulcro de Rosalía. 

Desta visita de Curros ó Panteón de Galegos Ilustres naceu o poema "N'a tumba de Rosalía", onde o autor de Celanova lembra os éxitos acadados pola poetisa compostelá ó tempo que chora o seu falecemento. 

A recreación da fotografía realizouse durante o acto de homenaxe que a Fundación Rosalía de Castro lle rendeu á escritora do Rexurdimento no Panteón. Ata alí desprazáronse os representantes da Fundación Curros Enríquez Paula Conde e José María Rodríguez, ademais de José Ramón Nóvoa, para acompañar á entidade, con sede en Padrón, nos actos conmemorativos. Xunto a eles estiveron tamén membros do Colectivo de Poetas de Bruxelas, como os escritores galegos Xavier Queipo e Ramón Neto. 

A homenaxe consistiu no recitado de poemas que diferentes autores ó longo dos anos lle teñen adicado á figura de Rosalía de Castro, entre eles o asinado por Manuel Curros Enríquez, "A Rosalía". Os actos enmárcanse no proxecto "Rosalía en camiño: dialogos literarios multilingües", promovida pola súa fundación para difundir a figura da autora.

Te puede interesar