CELANOVA

Dúas décadas de hípica

Cabalo_9
photo_camera Varios xinetes achéganse ao recinto onde se celebraron as diferentes probas.

O recinto da asociación de cabalistas O Mundil acolleu a XX Festa do Cabalo congregando a seguidores de toda Galicia para compartir a súa paixón polas destrezas e características deste nobre animal. 

Centos de amantes do cabalo gardan no seu calendario unha fin de semana para achegarse ata o recinto do Mundil en Cartelle e celebrar a tradicional festa que xira en torno ás destrezas deste animal. Onte foi a primeira das xornadas da Festa do Cabalo, que este ano cumpre o seu XX aniversario. Os asistentes aguantaron un sol que caía con forza no recinto para deleitarse cos participantes na proba de enganche da Federación Galega. Un por un, cabalos chegados dende toda Galicia sortearon os obstáculos que cubrían a pista tirando dun carro guiado polos seus adestradores.

Segundo ía transcorrendo a tarde, nenos e non tan nenos continuaron asombrándose coas habilidades dos cabalos, especialmente cando chegou o turno dos "Cabaleiros do Salnés", que acudiron invitados pola organización para realizar unha exhibición de de doma clásica.

O propio alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, foi o primeiro en salientar a importancia desta festa para o mundo hípico. Segundo explicou, será hoxe mesmo cando O Mundil celebre o seu día grande . De entre a programación prevista, Sousa destacou o espectáculo "Fantasía Ecuestre", no que participarán medio cento de persoas e "30 cabalos de pura raza galega". Deste xeito, o rexedor de Cartelle aproveitou para lembrar que unha das "labores máis importantes" do centro hípico reside na dobre función de "formar nenos ó tempo que potenciamos a pura raza galega" a través dun convenio con Puraga, a asociación que vela por esta raza. Mediante este acordo, a entidade "cataloga e selecciona cabalos que nós preparamos aquí para que despois distribúan por toda España", en palabras de Jaime Sousa.

Te puede interesar